VÍDEO | Un filme de Xosé Bocixa lembra os escravizados polo franquismo en Pontedeume

O filme foi presentado esta sexta feira na Casa da Cultura de Pontedeume nun acto organizado polo colectivo Ateneo Fernán Martís e no cal colaboraron o Concello de Pontedeume e a Deputación da Coruña.
Fotograma do filme 'O valo de Porto' (Foto: Captura de pantalla).
photo_camera Fotograma do filme 'O valo de Porto' (Foto: Captura de pantalla).

O Valo de Porto, así se chama o filme de Xosé Bocixa producido polo colectivo Ateneo Fernán Martís cuxo obxectivo é lembrar a memoria daquelas persoas represaliadas polo franquismo en Pontedeume e na súa contorna.

En concreto, a peza audiovisual de Bocixa trata os casos daquelas persoas que, obrigadas polo franquismo, ergueron o valo no barrio de Porto con traballo escravo.

O valo é, en palabras do vicepresidente de Ateneo Fernán Martís, Pepe Barro, “un muro de pedra de 65 metros de largo” que desde o colectivo pretenden converter "nun monumento a quen o construíu".

"As persoas que construíron o valo fixérono en condicións lamentábeis", apunta Barro, que tamén participa no filme.

 "Queremos traer á memoria o sufrimento destas persoas das que non coñecemos os nomes. Na documentación municipal non se reseña a man de obra escrava, preocupáronse de que non quedasen rastros", sinala Barro.

Ao longo do filme poden verse e ouvirse testemuñas de persoas que viviron o que foi a represión franquista en Pontedeume e que explican a dureza de vivir baixo o réxime de Franco.

Presentación

O filme foi presentado esta sexta feira na Casa da Cultura de Pontedeume nun acto organizado polo colectivo Ateneo Fernán Martís e no cal colaboraron o Concello de Pontedeume e a Deputación da Coruña.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios