Kathleen March e a resistencia guerrilleira protagonizan o 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, analizamos a obra recompilatoria 'Fisterra, relato curto en Galicia', que recolle textos de figuras como Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Luz Darriba.
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

O Sermos Galiza que este sábado atoparás xunto ao teu exemplar de Nós Diario está protagonizado por Kathleen March, catedrática emérita de Español na University of Maine e formada como especialista en estudos hispánicos, latinoamericanos e portugueses. Chegou á Galiza en 1975 un pouco por casualidade, para estudar a poesía de Manuel Antonio, e aquí quedou prendida da cultura e do país.

Neste número do Sermos entrevístaa Mercedes Queixas para falar do seu interese pola literatura galega. "Cheguei ao castelán na universidade e pensei que era como o latín e, despois, no máster en estudos latinoamericanos, estudei o quechua, que foi escolla miña porque me interesaba a literatura andina e as sociedades bilingües, e o portugués, que era obrigatorio. Así que cando cheguei á Galiza xa tiña o camiño andado para entrar ao galego desde o portugués", comenta.

A memoria postergada

O semanario que sae á venda este sábado abre cunha reportaxe de Mar Álvarez titulada 'Resistencia guerrilleira. A memoria postergada', na que aborda o 80 aniversario da fundación da Federación de Guerrillas da Galiza e León. 

"A guerrilla continúa a ser unha lagoa na memoria histórica do país e do conxunto do Estado español, polo que resulta pertinente, aproveitando o aniversario da Federación, lembrar que era e como se organizaba esta resistencia", explica Álvarez.

Fisterra e o relato curto

Antón Escuredo asina a segunda reportaxe deste Sermos, baixo o titular 'Fisterra, anuario de relatos', na que debulla a obra Fisterra, relato curto en Galicia, conformada por corenta textos de figuras da literatura galega como Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Paula Carballeira, Luz Darriba ou Úrsula Heinze.

"Nacín a sete quilómetros de Celanova e coido que ese lugar marcou o meu carácter e a miña personalidade", explica un dos responsábeis, Xosé Manuel del Caño, en conversa con Sermos Galiza. Dese municipio son tamén escritores como Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro. Outros, como é o caso de Xosé Luís Méndez Ferrín, proceden dese concello por vía familiar. "Xunto con Ourense, Rianxo e Padrón podemos dicir que Celanova é unha das vilas literarias da Galiza", conclúe Del Caño.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Belém Tajes, que trae as últimas novidades, a comezar por Segmento cantábrico, d'A Pedreira, mentres César Morán asina o artigo titulado '"Parroquias Tour" e saúde emocional'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles Vortex, de Gaspar Noé, e Manuel Xestoso ofrece na sección de Escena unha análise do teatro na rúa de Demente, Up2Down e Give it a spin.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Avelaíñas eléctricas, de Sica Romero (Nêspera Editora), mentres Susana Sanches Arins fala do libro infantil O noso recuncho, de Marina Núñez e traducido por Iolanda Mato (Triqueta). Aliás, o colectivo Xea trasládanos ao litoral de Marín.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros!

Comentarios