Janet Novás e o éxito de 'O Corno' protagonizan o 'Sermos Galiza'

Tamén falamos do millo como piar da subsistencia na Galiza, do estudio de arquitectura Díaz & Díaz e das últimas novidades do panorama literario, musical e cinematográfico. E moito máis!
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como cada sábado, Nós Diario trae este sábado, 18 de novembro, entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a actriz Janet Novás, protagonista do filme O Corno, de Jaione Camborda, a quen entrevista Montse Fajardo co gallo do éxito e moi boa recepción que tivo a cinta, galardoada coa Cuncha de Ouro no Zinemaldia de Donostia.

"Confiaba moitísimo no traballo de Jaione, claro, pero creo que se superaron as expectativas. Respecto ao meu papel, tamén intento analizar por que chega deste xeito e creo que, aínda que é a miña primeira película, e máis alá do traballo de dirección que ela fixo comigo, que foi incrible, afectou que eu levase anos investigando sobre o corpo. Sempre vindiquei que o corpo fala, e recibir, de súpeto, un proxecto onde puiden poñer en valor todos os meus coñecementos e que ademais chegasen dese xeito pois só pode facer que me sinta moi agradecida", conta, nesta extensa e profunda conversa.

O millo, na leira e na vida

Das moitas plantas de orixe americana que cruzaron o Atlántico, houbo dúas que se converteron en piares da subsistencia na Galiza. Foron as patacas e o millo que, coa súa produtividade, non só ampliaron as posibilidades de supervivencia da poboación senón que tamén produciron unha transformación dos usos e os costumes e modificaron e diversificaron a evolución dos espazos e as ferramentas agrícolas.

O millo, a planta produtora de gran máis cultivada no mundo –aínda que na súa maior parte está destinada á produción de alimentos para animais– foi un elemento fundamental da economía rural galega, pola súa múltiple utilidade e alto rendemento. A importancia do cultivo do millo supuxo, no século XVIII, a recuperación económica e demográfica da Galiza. En poucos anos, a expansión do seu cultivo cambiou a paisaxe e a forma de alimentación. Sobre isto escriben Adela Leiro e Mon Daporta na reportaxe de apertura do semanario.

Díaz & Díaz: clima e contexto

A segunda reportaxe corre a conta de Iago Valverde, que fala da relación profunda entre o edificio e o contexto na arquitectura para abordar a obra do estudio Díaz & Díaz. "A nosa principal inquietude reside en que a arquitectura se enriqueza a través da aprendizaxe da contorna, estableza un diálogo con ela mesma e absorba os condicionantes que a rodean", explica Lucas Díaz, un dos fundadores.

A experiencia persoal desenvolve enfoques particulares no traballo dos arquitectos. Lucas é un apaixonado do mar polo que ten unha gran sensibilidade cos temas do vento e da orientación, dado que na auga é imprescindíbel un coñecemento profundo do clima. Unha vez en terra, aplica tamén eses coñecementos na súa arquitectura. "Consideramos temas como a topografía, a orientación, as vistas, a dirección do vento, as condicións climáticas, así como as sensacións que o lugar nos transmite. A confluencia destes elementos configuran a esencia do proxecto", comenta o arquitecto.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel López Foxo analizan na sección de Libros as novidades do sector, a comezar por Trompeta, de Jackie Kay e traducida ao galego por María Reimóndez (Hugin e Munin, 2023), e unha ollada retrospectiva a Vogar de couse, de Alexandre Nerium (Espiral Maior, 2003).

No apartado musical, Lois Agrelo analiza o disco Xorima, da banda homónima (Punteiro), así como outras obras de estrea, mentres Xurxo Souto asina o artigo titulado Abe no filloa, o círculo máxico do jazz de Galiza.

E o experto en cinema Andrés Castro bota unha ollada á carteleira actual, comezando por O rapaz e a garza, de Hayao Miyazaki (Xapón, 2023). Aliás, Ramsés Pérez, na sección Ir ás aves, achéganos aos galiñeiros no artigo 'Pita con nena'. No apartado de Arte, a maiores, Carlos L. Bernárdez fala da exposición Maldita figura. Escultura Galega Contemporánea (Cambados).

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios