Cinema

Jaione Camborda fai historia con 'O corno': "A diversidade enriquécenos e fainos máis libres"

A cinta é a primeira rodada en galego e de produción galega en gañar un festival de cinema de clase A.
Jaione Camborda, coa Cuncha de Ouro. (Foto: Raúl Terrel / Europa Press)
photo_camera Jaione Camborda, coa Cuncha de Ouro. (Foto: Raúl Terrel / Europa Press)

O corno viaxaba esta semana a Donosti (Euskadi) co traballo xa feito, con nada que perder e moitísimo que gañar, pois nunca antes unha cinta rodada en lingua galega fora seleccionada para competir pola prestixiosa Cuncha de Ouro. E a nominación desta película era tamén, independentemente do resultado, un enorme recoñecemento ao cinema de autor e á cada vez maior presenza das mulleres desde a dirección. E O corno de Jaione Camborda cumpría todos estes supostos.

"É un momento de celebración aínda que chega tarde. Creo que non se nos estaba dando a oportunidade. Agora están a saír películas boas dirixidas por mulleres, pero antes non nos deixaban facelas", aseguraba Camborda en rolda de prensa na quinta feira, ao tempo que reivindicaba esa "visibilidade tan necesaria" para o cinema de autor a través de méritos como este.

Pouca xente podía anticipar o que pasaría no Pazo de Congresos Kursaal a partir das 21 horas, pois a película galega, rodada en diferentes localizacións das comarcas do Salnés, O Baixo Miño e o Alto Minho luso, competía cunha quincena de títulos de prestixiosos directores e directoras de todo o mundo como Isabel Coixet, Joachim Lafosse ou Cristi Puiu. E facíao, de feito, nun dos poucos certames de cinema de clase A, a maior distinción do circuíto internacional.

E por todo iso foi tan especial escoitar o seu nome no momento de anunciar a película gañadora. "Este é un momento moi emocionante que quero compartir con todo o meu equipo, con cada un dos membros, e en especial coas miñas compañeiras de produción, Andrea Vázquez e María Zamora. Detrás de cada película hai moito esforzo e dedicación, moitas tomas de decisións, moitos posicionamentos, e non puiden estar mellor acompañada", celebrou Camborda, sobre a que foi a primeira película rodada en galego e tamén de produción galega en gañar un festival de clase A.

A directora donostiarra —afincada na Galiza— asegurou estar "especialmente afagada" por recibilo das mans dun xurado que admira e que son "referentes" para ela. "E que importantes son os referentes! As que abriron camiño e alumaron un pouquiño esta especie de nebulosa que é a vida, e a través do cinema e outras artes ensínannos un pouquiño máis", engadiu, loubando tamén as cineastas do presente, que serán "referentes" para as vindeiras.

Jaione Camborda rematou facendo mención especial á diversidade cultural e a súa riqueza: "Puidemos ver cinema de moitas latitudes, de moitos xéneros, de moitos idiomas, de moitas sensibilidades e formas de concibir o mundo, como unha Torre de Babel desde a que se mira o mundo desde infinitas perspectivas. E é que a diversidade non fai máis que enriquecernos e facernos máis libres".

Sinopse de O corno

Illa de Arousa, 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galiza e Portugal.

Comentarios