Comeza na Coruña Imaxinaria, o festival de cinema animado

A sección Radar Galicia proxectará sete filmes.
'Alguén me chamou serpe negra', de Borja Santomé
photo_camera 'Alguén me chamou serpe negra', de Borja Santomé.

Esta cuarta feira comezou na Coruña a segunda edición do festival de cinema animado Imaxinaria, coa proxección, na Sede de Afundación na cidade, dos sete primeiros filmes que fan parte da sección oficial a concurso, e cun pase de Fantasía, de Walt Disney, a primeira película comercial da historia que se mostrou en estéreo.

Até o vindeiro domingo, Imaxinaria proxectará 44 curtas a concurso divididas en 6 bloques e chegadas de 24 países e catro continentes. A programación do festival inclúe actividades para profesionais, encontros do con realizadores e actividades específicas para escolares e familias. Tamén haberá unha programación especial co gallo do Día Internacional da Muller. 

Na sección Radar Galicia, poderán verse 7 producións galegas: Illa Cordura, de Mario Fernández Filloy; Avetimología, de Xosé Zapata; In Half, de Jorge Moiras; Marcapáxinas, de Miguel Flores Da Costa; Alguén me chamou serpe negra, de Borja Santomé; Cats de José Garnelo; e To Bird or Not To Bird, de Martín Romero, gañadora dun Goya á Mellor Curtametraxe de Animación.

Programa para esta quinta feira

Dous bloques de curtametraxes, unha retrospectiva da obra da realizadora checa Michaela Pavlátová, e unha clase maxistral a cargo da tamén madriña do festival conforman a proposta do Festival Internacional de Animación «Imaxinaria» para esta quinta feira 7 de marzo. 

A partir das 16.30 horas, seguen as proxeccións a competición que forman parte da sección oficial. É o tempo das 7 curtas integrantes no bloque 2 da sección a competición de  Imaxinaria. Trátase, en xeral, de curtametraxes que obtiveron o recoñecemento dos mellores festivais de animación do mundo e que non foron estreadas no Estado. 

Ás 19.10 horas, comeza a retrospectiva da obra de Michaela Pavlátová, co pase de 4 das súas mellores curtametraxes. O guionista coruñés Javier Trigales encargarase de facer unha introdución ás películas, e participará, xunto a Pavlátová nun coloquio co público. Despois recibirá o galardón de madriña do Festival de mans do co-director de Imaxinaria, o ilustrador e cineasta galego Alberto Vázquez.

Xa ás 21 horas, despois da retrospectiva e da clase maxistral de Michaela Pavlátová, comezan as proxeccións do bloque 3 da sección oficial. E con elas inaugúrase, ademais, a presenza galega no festival. "Imaxinaria é ante todo un festival internacional», aclarou durante a presentación do evento o seu co-director, Alberto Vázquez. A presenza de tres filmes galegos na esixente escolma que compón a sección oficial de Imaxinaria confirma o bo do traballo que se fai na Galiza en materia de animación. A Galiza lidera o ranking de premios Goya de animación obtidos polas seus profesionais e as súas produtoras. Dous deses filmes proxectaranse esta quinta feira, 7 de marzo..

Avetimología, do coruñés Xosé Zapata, e máis Alguén me chamou serpe negra, do vigués  Borja Santomé, forman parte do bloque 3. Zapata, director e productor coruñés, obtivo o premio Goya á mellor película de animación en 2021. O traballo de Santomé foi recoñecido en festivais coma o de Istanbul (Turquía) ou Cans (Galiza). Ademais, en 2021 obtivo o galardón á mellor curtamentraxe no Certame de Novos Creadores (CREAFEST). Canda ambas as producións, proxectaranse no bloque 3 outras 5 procedentes de Francia -dúas curtas-, Irán, Portugal e Suiza. 

Comentarios