CONTRACULTURA

Alberto Vázquez: "'Unicorn wars' fíxose nun estudo da Coruña e agora compite cos mellores filmes a nivel mundial"

Alberto Vázquez, director de cinema, impulsa o Festival Imaxinaria.
O director do galardoado filme 'Unicorn wars', o coruñés Alberto Vázquez. (Foto: Andrea Rodríguez)
photo_camera O director do galardoado filme 'Unicorn wars', o coruñés Alberto Vázquez. (Foto: Andrea Rodríguez)

Alberto Vázquez, director do galardoado filme Unicorn wars, lánzase á organización de festivais xunto con Matilde Rodríguez, con quen presenta o Festival Internacional de Animación Imaxinaria, que decorrerá entre os días 10 e 14 de maio na Sede Afundación da Coruña. 

Cal era o obxectivo ao proxectar o Festival Internacional de Animación Imaxinaria?

Queriamos achegar a animación ao público, por iso introducimos moitas actividades divulgativas como a sección "Na retina", onde facemos unha homenaxe a persoas da historia da animación. Nesta primeira edición decidimos recoñecer o traballo da realizadora alemá Lottie Reiniger, quen fixo o filme de animación máis antigo que se conserva, As aventuras do príncipe Achmed. O sábado pola mañá contamos con varias charlas de entre dez e quince minutos con directores e directoras da Galiza que van falar dos novos proxectos que están desenvolvendo, o que chamamos a sección "O que está por vir", e tamén coa masterclass de Isabel Herguera sobre o activismo na animación. Ela dirixiu a longametraxe O soño da sultá, que é unha historia baseada nun libro clásico da India no que hai unha sociedade gobernada só por mulleres. É un filme cun marcado carácter reivindicativo e feminista que é moi interesante.

É, por tanto, un festival dirixido a profesionais ou tamén pode espertar o interese do público xeral?

Para nós era importante que o público puidese escoitar de primeira man como se traballa para a creación, cales son as liñas de traballo. E tamén é relevante porque na Coruña temos moita formación relativa á animación, ben sexa en forma de grao ou de máster. Imaxinaria é unha forma de mostrar que non hai que ir a outros sitios para obter esta formación ou para celebrar este tipo de festivais. Tamén é certo que, aínda que falamos de cousas técnicas como o software, tamén son sesións adaptadas a calquera persoa que poida estar interesada na animación porque hai unha parte máis conceptual, de como unha directora ou director afronta o seu traballo de animación e as súas historias. Neste sentido falará tamén Khris Cembe, o director de animación de Unicorn wars e temos outras seccións como a de concurso e unha programación dirixida tanto ao público adulto como infantil. 

Queremos facer unha canteira de xente nova, que o festival sirva para dar a coñecer o sector mais tamén como un punto de encontro entre profesionais, e creo que temos unha programación de alta calidade como para facelo, por iso penso que é importante que todo o festiva sexa gratuíto, grazas ao apoio da Fundación Obra Social Abanca. 

Que lectura fai do percorrido de Unicorn wars

Está tendo moito éxito. É un filme que tivo a súa repercusión en España, gañando o Goya e o Premio Mestre Mateo e quedando finalista nos Premios Feroz, mais tamén noutras partes do mundo. Estreouse nos Estados Unidos, no Xapón, en Francia, e ademais está sendo viral en internet con centos de millóns de reproducións en vídeos de Youtube e TikTok. Estou moi contento, mais xa estou pensando noutra película. Ao final faise un ano desde a súa estrea e para min esa porta xa está fechada, aínda que o filme siga proxectándose por aí. 

Vai un pouco tamén na liña do que comentaba sobre Imaxinaria, que non hai que marchar para facer cousas.

É algo que estamos vendo. Máis dunha terceira parte dos Goya nas longametraxes dos últimos trinta anos son galegos. Somos unha rexión onde non hai un tecido industrial moi grande, mais temos unha boa canteira e ao mellor non falamos dunha produción 100% galega, mais si dunha parte moi importante. No caso de Unicorn wars, fíxose na súa maioría na Coruña, nun estudo na Cidade Vella e con xente de aquí, e agora estamos competindo a nivel mundial coas mellores películas. Non todo ten que facerse en Madrid ou Barcelona e ademais podemos facelo perfectamente na nosa lingua. A versión orixinal de Unicorn wars é en galego, o festival tamén ten este compromiso. Isto, xunto coas nosas propias axudas do cinema e a nosa propia televisión, dános identidade. 
 

Comentarios