Cinema

Así é 'Unicorn Wars', o filme do coruñés Alberto Vázquez que enfronta unicornios e osos de peluche nunha guerra fratricida

A película do cineasta premiado en tres ocasións co premio Goya estréase esta sexta feira nos cinemas con versión en lingua galega.
Fotograma de 'Unicorn Wars'.
photo_camera Fotograma de 'Unicorn Wars'.

Unicorn Wars, a nova película do cineasta, debuxante e ilustrador coruñés Alberto Vázquez que narra o ancestral conflito bélico entre unicornios e osos amorosos, chega aos cinemas esta sexta feira tras o seu exitoso paso polo Festival de Sitges.

A nova cinta do triplo gañador do Goya reflexiona sobre a belicosidade a través da historia dos irmáns Azulín e Gordi, dous recrutas do bando dos osos no conflito ancestral que manteñen cos unicornios.

O agardado regreso ás pantallas do premiado director herculino prodúcese nun momento de guerra en Europa, algo que, segundo recoñece o propio cineasta, non imaxinaba que podería chegar a ocorrer cando botou a andar a rodaxe da película hai xa seis anos. "Parece que é algo propio do ser humano o uso da violencia e o feito de cometer erros ciclicamente", defende Vázquez.

O conto antibelicoso de Alberto Vázquez é a súa segunda longametraxe após Psiconautas, os nenos esquecidos, que levou o Goya á mellor película de animación en 2017, ano no que tamén recibiu o galardón por Decorado, na categoría de curtametraxe de animación, na que xa vencera cinco anos antes con Birdboy.

Unicorn Wars está producida por Uniko, Abano e Autour de Minuit  e conta coa música de Joseba Beristain e as voces, na dobraxe en lingua galega, de Isabel Navieira, Monti Castiñeiras ou Ledicia Sola, entre outras.

A película fala sobre a "orixe do mal" e a "orixe común de todas as guerras", así como do manexo da opinión pública pola propaganda e a relixión "para que os conflitos perduren".

"En realidade, a guerra entre osiños e os unicornios sería a única guerra que debería existir", sinalan os promotores da película, que terá a súa 'premiere' na Sección Oficial do festival de animación máis importante do panorama internacional, o da localidade francesa de Annecy.

Comentarios