'Relatan...Nós' ofrecerá 18 textos literarios ilustrados

A ilustración vista desde os relatos que publica 'Nós Diario'

A partir do día 1 de xuño, Nós Diario agasallará ao público lector con dezaoito textos literarios inéditos -relatos e poemas- dalgunhas das mellores firmas da nosa literatura e que teñen como fío común a presenza do noso xornal na actualidade da última década. O coleccionábel  conta cun aliciente a maiores do literario: os textos estarán ilustrados por diferentes artistas, en ocasión, pola mesma persoa que asina o texto
 
collage
photo_camera Algunhas das ilustracións que acompañarán os textos de 'Relatan...Nós'.

Nas últimas décadas, a ilustración de textos literarios sufriu un proceso de crecemento imparábel, posibelmente impulsado polo auxe do libro infantil, que serviu de laboratorio de ideas para o mundo editorial. O libro ilustrado deixou de ser algo exclusivamente dirixido á rapazada para converterse nun tipo de obra diferente na que a confluencia de texto e imaxe ofrece unha nova experiencia sensorial e intelectual. 

Interpretar e complementar o texto

Sara Valcárcel, a ilustradora do texto de Francisco Castro que se publicará o vindeiro 2 de xuño, cre que este auxe se debe a que "vivimos inmersos nunha cultura do audiovisual na que as persoas lectoras atopan novos códigos desde os que interpretar a obra, enriquecendo así a experiencia da lectura". Por outra banda, "desde un punto de vista comercial, as editoriais tenden a querer que os seus produtos se distingan e, daquela, ofrecen algo máis que un texto. O texto ilustrado acaba sendo un obxecto artístico que vai alén do literario". 

Desde esta perspectiva, Valcarcel -que xa ilustrou Call me Sinbad, a versión inglesa do Chamádeme Simbad de Castro-  confesa que "sempre trato de enchouparme na historia, para sacar a miña propia lectura e achegarlle algo novo a quen le o texto". 

A experiencia de "interpretar" un texto alleo para dar unha visión plástica, se cadra, cambia cando a persoa que ilustra é a propia autora do texto. Emma Pedreira escribiu e tamén ilustrou "Bicefalus interruptus" -que se publicará o 22 de xuño- e fala de complementar. "Trátase de emitir a mesma mensaxe a través de dúas linguaxes diferente, intentar que os matices que non logras expresar cunha delas estea presente no que dis coa outra". 

Pedreira confesa que é a primeira vez que se ilustra a si mesma e que a experiencia non é doada. "En certo sentido é como traducir un texto teu a outra lingua: tes que facer ao tempo de emisora e de receptora, poñerte no lugar de quen escribe e no de quen le". En ocasións, mesmo existen dúbidas sobre "se estás facilitando a lectura ou se lle estás complicando a vida a persoa que vai ler o texto, especialmente porque eu emprego a técnica da colaxe, que en si mesma é xa moi metafórica". 

Mais non cabe dúbida de que, facilitándoa ou complicándoa, a experiencia lectora é diferente, máis dotada de incentivos, e talvez por iso teñen tan boa acollida entre o público lector. "O receptor atopa un apoio no texto ilustrado. Vivimos nunha sociedade na que os estímulos visuais e auditivos xogan un papel moi importante; parece que os textos planos quedan curtos. Dalgunha maneira, estamos volvendo aos tempos das enciclopedias ilustradas, asomámonos ao mundo a través dunha fiestra que o contén todo: o texto, a imaxe...".

Un bo momento creativo na Galiza 

En todo caso, existe a convicción xeneralizada de que a ilustración ofrece novas posibilidades de interpretación dos textos, que transforma o libro nun obxecto de arte e que converte a lectura nunha experiencia diferente á que se dá nun texto editado ao modo clásico. 

"O texto ilustrado compite coas novas tecnoloxías, coa televisión e cos dispositivos móbiles que reducen o tempo destinado á lectura, contribuíndo a afinar o gusto do público e a ampliar os seus horizontes", explica Alex Rozados, ilustrador de varios dos textos que publicará Nós Diario e colaborador habitual do xornal. 
"A ilustración está a vivir un bo momento creativo na Galiza con moitas persoas creando produtos ilustrados de diferentes tipos, desde banda deseñada até publicidade, pasando polo libro ilustrado", destaca Rozados.

Unha colección que axuda a unir  a arte e a literatura da Galiza

Relatan...Nós, a colección literaria que Nós Diario publicará durante o mes de xuño algúns dos nomes máis prestixiosos da literatura galega actual -Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Marica Campo, Suso de Toro, Fina Casalderey, Lois Diéguez, Berta Dávila, Víctor Freixanes, Rosalía Fernández Rial, Xosé Iglesias, Olga Novo, Xavier Queipo, Emma Pedreira, Manuel Rivas, María Reimóndez, Séchu Sende, Eli Ríos e Xurxo Souto- con algúns dos nomes máis destacados da ilustración da Galiza -Jorge Rodriguez Durán, Sara Valcárcel, Felipe Senén, Xosé Freixanes, Ce Tomé, Xosé Cobas, Julia Lago, Javi Prieto e Alex Rozados.

Ademais, algunhas autoras e autores atrévense a ilustrarse a si mesmas: Berta Dávila, Emma Pedreira, Séchu Sende e Xavier Queipo -este último en colaboración con Ce Tomé- ofrecen cadansúa versión visual dos seus propios relatos. O xornal ofrece así unha interesante  e enriquecedora panorámica da creación galega contemporánea en forma dun coleccionábel que permite medir a capacidade das persoas creadoras de transgredir fronteiras xenéricas e de crear novas sinerxías entre diferentes formas de expresión. Unha escolma de 18 textos ilustrados para mostrar a potencia creativa da Galiza da última década.

Comentarios