I Festival de improvisación oral na Pobra do Brollón

No festival Brindadeira participarán improvisadoras de brindo e regueifa de toda a Galiza e mais da tradición vasca de bertso.

AldaoLadoestarán presentes na 'brindadeira' da Pobra do Brollón.
photo_camera AldaoLadoestarán presentes na 'brindadeira' da Pobra do Brollón.

Este sábado 22 e domingo 23 celébrase a primeira edición de Brindadeira, festival de improvisación oral na parroquia de Ferreiros, A Pobra do Brollón. O festival é impulsado polo goberno municipal para recuperar a tradición do ‘brindo’, un xénero de improvisación oral cantada propio de terras da Pobra do Brollón. 

Desde xaneiro estase a realizar unha serie de obradoiros de brindo a cargo de Sara Marchena, Alba María, Lorena Medela e Nuria Penas, integrantes do colectivo Erre que Erre. Durante o festival, farán unha demostración de brindo xunto con algúns alumnos dos obradoiros, no que será o momento central do festival o sábado ás 20 horas. 

Tamén estarán Uxue Alberdi e Miren Amuriza, máximas representantes da xeración actual de improvisadoras de bertso, con tradución en directo de Danele Sarriugarte. Tamén haberá unha demostración de regueifa a cargo dos míticos O Caruncho e Os d’Herbón. 

Tras os espectáculos de improvisación, comezarán os concertos a cargo de artistas que beben da improvisación e da palabra como Aldaolado e High Paw xunto con O Rabelo. A actividade rematará coa sesión DJ de Um sincero pinchacumbias.

Programa

Brindadeira comeza o sábado 22 ás 13 horas cun vermú na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, coa presentación da editorial independente Consonni. Ás 17 horas, en Ferreiros, haberá obradoiros de brindos. E ás 18 horas, unha mesa redonda sobre oralidade, tradición e feminismo a cargo das bertsolaris e escritoras Uxue Alberdi e Miren Amuriz. 

O domingo, Brindadeira comeza ás 11 cun paseo pola aldea de Ferreiros da man das veciñas, seguido dunha sesión de vermú musical con artistas locais e unha sesión de romances guímaros tradionais.   

Comentarios