Contracultura

Lupe Blanco: "A regueifa é unha arma de construción masiva, pois logra que a xente preste atención"

Lupe Blanco, regueifeira, fíxose, por segundo ano consecutivo, co primeiro posto no festival Espalla Rimas de Carballo. Blanco aborda a situación actual da regueifa e a evolución desta tradición ao longo dos anos porque é necesario, como ela di, “que non se perda a esencia, mais tamén darlle un aire novo”. 
Lupe Blanco, unha profesora de luxo na Escola de Regueifa de Carballo.. (Foto: Beatriz Pereira Expósito).
photo_camera Lupe Blanco aposta por manter a tradición da regueifa introducindo “aire novo” (Foto: Beatriz Pereira Expósito).

—Que significa ser a mellor regueifeira da Galiza por segundo ano consecutivo?
Case diría que o premio é o de menos. O máis bonito é ver o pazo de Carballo cheo de xente, con tantas persoas do mundo da regueifa no palco ou no escenario, mesmo con tanta xente nova que se anima. É un orgullo, unha honra e un prestixio que empecen a facerse cousas así, que se valore esta parte da nosa tradición. 

—Como ve o mundo da regueifa?
O certo é que o traballo que facemos nas escolas nótase moito. Penso que é moi importante para que as crianzas poidan expresarse de xeitos tan diversos e sobre todo no caso das rapazas. Sempre foi unha cousa de homes e hai unha nova visión da regueifa por parte das mulleres, que veñen con forza e con moito que dicir, con moita igualdade e feminismo. Diría que xa era até unha obriga que a regueifa fose tamén das mulleres.

E xa digo, veñen pegando moi forte: son as que máis tiran pola regueifa. Eu sempre digo que a regueifa é unha arma de construción masiva porque, cando dicimos as cousas cantando, a xente presta máis atención que cando o facemos coa fala en prosa ou coa escrita. Parece que a mensaxe chega doutro xeito. Por iso, a min gústame empregar a regueifa para a concienciación social en moitos temas como a violencia de xénero, para que nos escoiten. 

Nestes momentos estou facendo obradoiros desde os tres anos cara adiante. As crianzas traballan moitísimos aspectos como a autoestima, a tradición, a perda da vergoña para cantar en público diante das demais persoas, a imaxinación... E estamos vendo que triunfa e que ten un bo efecto, porque dun ano para outro xa nos volven chamar dos centros para repetir o obradoiro. Tamén é unha ferramenta para que falen galego.

Por desgraza, algo que vemos moito nos centros é rapazada que lle custa escribir ou expresarse en galego. Mais con esta actividade que está pensada para que se divirtan e se expresen, porque non se lles censura nada do que queiran dicir, comezas a ver que pelexan por expresarse mellor en galego ou por corrixirse. Cando te das de conta, son rapaces castelanfalantes que están cantando e falando en galego durante os 90 minutos da clase. 

—Tamén é algo que leva no sangue.
O meu bisavó foi considerado o padriño da regueifa na zona de Bergantiños alá na década dos 80. Por iso, gústame manter parte da nosa tradición, as melodías da zona e que non se perda a esencia, mais tamén darlle un aire novo. Agora o público ten outra sensibilidade, a xente que escoita regueifas non vai escoitar dúas persoas meténdose unha coa outra. Vai para escoitar unha mensaxe distinta. Hai que pensar que os regueifeiros de antes falaban sobre o que vían, sobre o que vivían, e agora temos que facer o mesmo: cantar sobre os tempos que nos tocaron vivir. 

—Precisamente nesta competición o xurado propuxo temas de actualidade.
Gustoume porque, ás veces, non sabes de que cantar neses cinco minutos que che dan se hai unha temática libre. Paréceme interesante que se fale de cousas que están a acontecer agora, como os eólicos, as criptomoedas, a intelixencia artificial ou o Xacobeo. Eu sempre digo que a persoa que regueifa é unha artista moi completa. Temos que ser persoas informadas, cunha cultura xeral sobre calquera tema que poida saír e ademais temos que ter en conta o teatro que empregamos sobre o escenario.

Ademais, moitas veces temos que informarnos previamente sobre os lugares nos que imos cantar, para poder dicir algo sobre o sitio se non o coñecemos. Que nos poñan estas probas tamén mostra todo o potencial que ten a regueifa, porque é certo que procede destas disputas de taberna e do día da festa, mais está claro que xa a levamos máis aló, xa demos un paso importante.

Comentarios