CONTRACULTURA

O Rabelo: "Todas as persoas queer con proxectos artísticos que coñezo están optando polo crowdfunding"

Xanhe Redondo, máis coñecido polo seu nome artístico 'O Rabelo', vén de pór en marcha unha campaña de crowdfunding para levar adiante o seu próximo disco, 'Silva', que estará acompañado dun documental e unhas xornadas sobre o rural e o queer así como dun libro de poesía, 'Betadine'.
'O Rabelo' explora a música a través dos xéneros tradicional e do tecno. (Foto: Nelson Corsino)
photo_camera 'O Rabelo' explora a música a través dos xéneros tradicional e do tecno. (Foto: Nelson Corsino)

—Como xorde esta mestura entre a música tradicional e a tecno que presentarás en Silva?
Diría que a partir do rito do serán, esa ronda que se fai con grupos de pandeireteiras e que segue unha estrutura moi concreta de xota, muiñeira e un ou dous "agarraos", mesturado co tecno e as "raves", que é outro ritmo moi concreto que me gusta moito. Digamos que sería como coller os ritmos da música de serán para mesturalo con todo o que ten que ver coa produción do tecno. Eu veño facendo isto durante moito tempo porque Somos Lexión non deixa de ser o primeiro que quixen producir eu e seguía esta liña. Silva é a miña forma de ir pouco a pouco experimentando e aprendendo, porque o tecno ten as súas complicacións e hai que aprender como se fai. Creo que agora mesmo se están dando estas correntes de punk ou de tradicional en xente na que eu me inspiro e escoito un montón, e si que hai algunhas persoas mesturando co tecno, especialmente no sur, mais non é moi habitual. 

—Todo o que arrodea o disco é como unha forma de acompañalo na súa publicación.
É que hoxe en día un disco non pode ser só un disco. Tes que facer videoclips porque é a forma na que a xente consome música, é estraño mais é así. Para min, facer un vídeo non ten sentido sen facer xornadas de formación, que é algo que vivín por primeira vez coa produtora Cru cando fixemos o videoclip de Ratatá. Esta foi a primeira forma que tiven eu de relacionarme coa performance da animalidade. A segunda experiencia foi coa Rumba do Pam, porque eu quería ser capaz de maquillarme coa xente coa que saía no vídeo, mais como me daba moito medo decidín facer un espazo seguro onde aprender e descubrir sobre o drag. Creamos unhas xornadas e obradoiros con algunhas amizades e cando decidín facer este "crowdfunding" tamén me tiña sentido facer algo así. Neste caso serían centrados no drag furry, que é o que fago eu e é moi descoñecido, mais á vez gusta moito porque sae do xénero e conecta máis coa diversión. 

Temos o exemplo das pintacaras dirixidas a crianzas: hai un punto de superheroes e princesas, mais tamén temos o animal, que é simplemente divertido. En resumo, se fas música, tes que facer vídeos. Se fas vídeos, para min ten sentido facer xornadas. E detrás de todo está o proceso que vives internamente, polo que a poesía está aí, e podes decidir sacala ou non. 

—Por que optar por esta vía de financiamento?
Pois porque non teño cartos nin ninguén detrás. Aquí hai varios factores. Está a precariedade, que como non teño outro traballo é algo importante. Mais tamén está o sector cultural, que fóra dos grandes núcleos como Compostela ou Madrid ou Barcelona é complicado. Aí tes que competir moito e entendo que é outro contexto, mais aquí na Galiza se non es unha persoa cun renome e unha industria detrás... Ademais, eu son unha persoa queer e precisamente todas as que coñezo que teñen proxectos artísticos están optando por esta vía, como Nuria Vil ou a xente de Cru. A autoxestión ten ese punto de que te mantés independente e tes a enerxía de ver que hai xente que cre no proxecto, mais tamén hai moita incerteza. 

Eu, se puidese non ter que facer "crowdfundings", non os faría. Entendo que teño moitos privilexios como persoa branca e non psiquiatrizada, mais tamén son unha persoa que a xente, de primeiras, non entende. Ao final hai unha vontade detrás deste proxecto de crear unha escena queer a través da arte, de xuntarnos moitas persoas raras a niveis moi distintos para facer cousas bonitas que nos poidan dar cartos para vivir, aínda que non sexa exclusivamente disto. 

De feito, no meu caso, e facendo contas atendendo á media, con que 250 persoas puxesen cartos, podería levar o proxecto adiante. Non é tanta xente, polo que teño esa esperanza.

Comentarios