Cinco horas baixo o voo do 'Paxaro' Parker

O saxofonista estadounidense Charlie Parker, 'Bird', supuxo un antes e un despois no mundo do jazz. O seu legado aínda perdura e forma parte da formación de numerosos músicos e músicas na actualidade. O 30 de agosto en Lugo, coincidindo co que tería sido o centésimo aniversario de Parker, máis dun cento de jazzistas  da Galiza xuntaranse para tocar a súa música durante cinco horas como tributo. 
O proxecto Bird Lives, un tributo a Charlie Parker en escena durante o Feito a Man de Compostela (Imaxe: pablo Castaño).
photo_camera O proxecto Bird Lives, un tributo a Charlie Parker en escena durante o Feito a Man de Compostela (Imaxe: pablo Castaño).

"Charlie Parker revolucionouno todo”, asegura desde o outro lado do teléfono o saxofonista Pablo Castaño, quen escoitou por primeira vez a un dos pais do bebop cando contaba doce anos. Castaño é un dos integrantes do proxecto Bird Lives, un tributo que el e os seus compañeiros querían ofrecer a Parker no día no que tería celebrado o seu centésimo aniversario, o vindeiro 29 de agosto. "Eu toco jazz por causa del", admite.

'Bird', paxaro, é o alcume que recibiu Parker pola súa maneira de facer soar o saxofón. "Naceu nos anos vinte, cando estaba de moda o swing e os improvisadores partían dunha linguaxe bastante básica en canto a harmonía e patróns rítmicos”, di Castaño. Na súa curta carreira, pois faleceu aos 34 anos de idade, Parker rachou con todo e deu luz ao bebop. "Era rápido, con contrapuntos, moi vivo", engade Alberto Grandío, dono da sala de música Clavicémbalo en Lugo.

Parker era rápido, con contrapuntos, moi vivo, explica Alberto Grandío

Grandío rexenta o local onde Castaño e os seus compañeiros ían tocar o 29 de agosto, a data do que nacemento Parker. A formación conta con outros dous Pablos, Sax e Añón, ademais de Castaño no saxofón alto; Alejandro Vargas no piano, Yudit Almeida no contrabaixo e Ana Sanabria na batería. Estreáronse no Feito a Man, en Compostela, mais a Covid impide que repitan en Lugo polo fechamento da sala. Porén, si participarán noutra homenaxe, iniciativa de Alberto. 

Cinco horas de jam

"Xa no mes de febreiro pensei nun concerto no 'Clavi' que coincidise co aniversario de Parker, mais despois ampliei a idea a que todos os músicos galegos que se atrevan a tocar a súa música, que hai moitos, participasen nun tributo", di Grandío. Esta 'Festa do jazz galego' servirá ademais como antesala do Festival de jazz de Lugo, que este ano suma tres décadas e que organiza tamén Alberto.

Toda a esta xente procedente de culturas diferentes que se xunta para tocalo, vai ser unha marabilla, acrecenta Grandío

Unha listaxe de músicos e músicas da Galiza recibiron o convite para tocar a 'Bird'. O resultado serán cinco horas seguidas de melodías legadas por Parker que encherán a praza de Santa María o día 30 a partir das 13 horas. "Veñen músicos galegos e outros que viven na Galiza, mexicanos, arxentinos, portorriqueños, asturianos, a mestura de toda a esta xente procedente de culturas diferentes que se xunta para tocalo, vai ser unha marabilla", avanza Grandío a Nós Diario.

Castaño será un dos profesionais participantes. "Tocalo non é doado, pero é parte da formación de todos nós. Quen estudou esta música escoitouno, imitou os seus solos, medrou con el, hai temas que eu nin tan sequera teño que estudar, lévoos na memoria", declara. El mesmo puido gozar nos Estados Unidos das ensinanzas de profesionais que tocaran canda 'Bird'.

Quen estudou jazz escoitouno, imitou os seus solos, medrou con el, afirma Pablo Castaño

Para tocar jazz tes que pasar por el, xunto con Thelonious Monk e Dizzy Gillespie deixou un legado que aínda perdura", acrecenta o guitarrista Marcos Pin, outro dos intérpretes que pasarán pola praza de Santa María e que tamén participa do proxecto Bird Lives.

Pin, xunto con outros compañeiros de profesión, axudou a Alberto Grandío a recrutar os compañeiros e compañeiras que quixesen rememorar Parker, o que non lle resultou nada traballoso. "Quen non se achega o domingo é porque realmente non pode, a resposta foi masiva", asegura.

Quen non se achega o domingo é porque realmente non pode, a resposta foi masiva, asegura Marcos Pin

Mentres a música de Parker resoa en Lugo, un ramo de flores será depositado na tumba de Charlie Parker en Kansas, cidade natal do saxofonista. "É unha lembranza de parte de todos os músicos e músicas galegas que se van xuntar para gozar das súas melodías", di Grandío.

Como amante do jazz, especialmente do bebop, o dono da sala Clavicémbalo suma anos de escoitar a 'Bird'. "Eu fun profesor durante toda a miña vida laboral, tiven que impartir música aínda que non me tocaba e un día decidín poñerlle jazz ao alumnado. Para a miña sorpresa, o que máis lles gustou foi Charlie Parker, eu flipei!", conta.

Grandío lamenta que a emerxencia sanitaria limite a afluencia do público o vindeiro domingo. "Eu pídolle á xente que teña paciencia, porque seguramente as horas abonden para que quen queira escoite un anaco", apunta, asegurando que de terse celebrado o evento na vella normalidade "a praza tería quedado escasa para tanto ouvinte". 

Músculo xeracional

Que tantos músicos e músicas se acheguen o 30 de agosto a tocar a Lugo é para a organización e os participantes un síntoma da boa saúde do jazz na Galiza. "Nos comezos estaba Clunia, con Nani García e outros, e pouco máis, agora hai rapaces e rapazas novos que chegan como feras", asegura Alberto Grandío, quen acolleu na Clavicémbalo moitos deles.

A escena do jazz foi medrando moito cos anos, valora Castaño

"A escena foi medrando moito cos anos, nos 70 era unha cuestión residual, logo houbo quen marchou formarse fóra, a Holanda e os Estados Unidos. Algúns quedaron, pero moitos decidimos volver. Hai festivais e encontros como o de Lugo ou Pontevedra, centros de ensino e novas xeracións con moita calidade", remacha Pablo Castaño. 
 

Comentarios