mércores 28/10/20

Homenaxe e disco polo 25 cabodano do gaiteiro Ricardo Portela

Esta sexta feira celébranse en Cerdedo e en Pontevedra actos de homenaxe a un dos grandes da nosa gaita, Ricardo Portela, o Gaiteiro de Viascón, polo seu 25 cabodano. E Óscar Ibáñez presenta disco-homenaxe. 

Cuberta Aires de Pontevedra
Ricardo Portela

A homenaxe comezará pola mañá da sexta feira ás 12.30 cunha ofrenda floral no seu busto na praza do Concello de Carballedo. E, pola tarde haberá un pasarrúas a partir das 17 horas da man dos Gaiteiros das Rías Baixas, Os Alegres e Foula. Ás 18.30 horas descubrirase unha placa conmemorativa na rúa do Laranxo, 8 da cidade, e ás nove da noite comezará a gala-homenaxe conducida polo músico e investigador Ramom Pinheiro no Teatro Principal, onde haberá atuacións musicais e outras actividades. 

Disco de Óscar Ibáñez

No seo da gala tamén se presentará o CD 'Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela 25 Aniversario Pasamento' do gaiteiro Oscar Ibáñez, no que homenaxea ao Gaiteiro de Viascón cunha selección do seu repertorio máis característico interpretado coa súa propia gaita de dixitación pechada. 

Reivindicou o toque pechado e as formas propias e diferenciais de tocar, as galegas, así coma a dignificación da gaita galega e da figura do gaiteiro.

Na percusión colaboran destacados artistas da música tradicional que gravaron ou tocaron con Ricardo Portela na década dos 80 fundamentalmente como Xosé V. Ferreirós (Milladoiro), Chuco Estevez Gonzalez (E-Trad), Gonzalo Caride (artesán-músico), ou Antón López "Toniño" (Treixadura), entre outros. 

Cartaz Aires de Pontevedra

O Gaiteiro de Viascón

Ricardo Portela Bouzas (Viascón, 1920- Pontevedra, 1992) é un dos máis recoñecidos gaiteiros do país. Fillo dun gaiteiro e acordeonista republicano, de cativo coñeceu a Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, de quen foi un gran admirador ao longo de toda a súa vida, quen o alentou a seguir traballando.  Viviu en Vigo, en Lugo, emigrou a Venezuel, onde se vencellou ao Lar Gallego e fundou un grupo de gaitas. En 1959 regresa e establécese definitivamente en Pontevedra. 

En 1980 grava 'Festa en Viascón' para o selo Ruada e en 1990 'Alborada en Cotobade' para o selo galego Edigal, cos que se faría moi coñecido nos círculos gaiteiros. Destaca a súa participación no triple álbum "'nstrumentos Musicais Populares Galegos' (Sonifolk, 1987) e a súa actuación na homenaxe a José Afonso gravada en directo no parque de Castrelos en 1985 nun CD baixo o título de 'Galiza a José Afonso'.

Portela tamén foi unha importante fonte para novos valores como Carlos Núñez, Anxo PIntos ou Xosé Manuel Budiño tanto no repertorio como na técnica interpretativa. 

Na década dos 80 Portela vive a súa etapa de esplendor, pois participa nas primeiras xuntanzas de gaiteiros en Ortigueira organizadas por Xavier Garrote que derivaron na creación da Asociación de Gaiteiros Galegos da que Portela foi presidente fundador. Actúa en destacados festivais como no Festival de Ortigueira en 1982, no III Festival de Inverno, na cidade de Vigo en 1983, ou no I Festival Nocturno Celta do Morrazo en 1985, antecesor do actual Festival Intercéltico do Morrazo. 

Mantivo una estreita relación con Xosé Ferreirós, quen o acompañou na percusión no seu disco 'Festa en Viascón' e introducio varios temas do seu repertorio no grupo Milladoiro adquirindo proxección internacional. Con Milladoiro colaborou en directo en varios concertos.  

Fonte para novos valores

Portela tamén foi unha importante fonte para novos valores como Carlos Núñez, Anxo PIntos ou Xosé Manuel Budiño tanto no repertorio como na técnica interpretativa. En 1988 José Luis Calle publicou a biografía de Ricardo Portela nun libro editado pola Deputación de Pontevedra.

Nos últimos anos Ricardo sufriu unha anxina de peito e os médicos recomendáronlle que deixase a gaita mais el preferiu asumir o risco e non abandonar a súa paixón. Faleceu dun ataque ao corazón o 24 de marzo de 1992. Os seus restos descansan no cemiterio de San Amaro onde foi despedido con todos os honores ao son das gaitas dunha multitude de gaiteiros entre os que se atopaban as figuras máis destacadas deste instrumento.

Ricardo Portela ocupa por méritos propios un lugar destacado na historia da nosa gaita ao carón de Manuel Villanueva, Perfecto Feijóo, Xoán de Campañó ou Avelino Cachafeiro, dos que foi admirador e continuador

Ricardo Portela ocupa por méritos propios un lugar destacado na historia da nosa gaita ao carón de Manuel Villanueva, Perfecto Feijóo, Xoán de Campañó ou Avelino Cachafeiro, dos que foi admirador e continuador, a súa figura foi o elo fundamental entre a gaita tradicional e a gaita actual. Reivindicou o toque pechado e as formas propias e diferenciais de tocar, as galegas, así coma a dignificación da gaita galega e da figura do gaiteiro. O seu repertorio foi e segue a ser fonte de inspiración para todos os gaiteiros galegos e grupos como Milladoiro, Luar na Lubre, Carlos Núñez, Anxo Lorenzo ou Oscar Ibáñez e estranxeiros coma o bretón Patrick Molard, Robert Mathieson, Cillian Vallely (Lúnasa), ou Roland Becker (Kevrenn Alre), que gravaron e internacionalizaron o seu repertorio de modo que na actualidade o seu tema "Aires de Pontevedra" é un case como un himno que representa a Galiza no mundo celta.

As cidades de Vigo e Pontevedra dedicáronlle unha rúa, no Concello de Cotobade dedicóuselle un busto de pedra na praza do Concello e a Casa da Gaita, sede actual da Asociación de Gaiteiros Galegos. O Concello de Pontevedra organiza anualmente o Memorial Ricardo Portela e o Concello de Cotobade levou a cabo en distintas etapas concursos de gaiteiros ao redor da súa figura.

comentarios