Silvia Longueira, directora da Fundación Luís Seoane

“Hai unha parte de 'Trece estampas' que estamos revivindo”

Licenciada en Historia e xornalista, Silvia Longueira (A Coruña, 1961) é a directora da Fundación Luís Seoane. Xunto a María Antonia Pérez, comisaria a exposición Trece estampas da traizón. 80 anos da publicación, unha iniciativa que xira ao redor do álbum de debuxos homónimo de Luís Seoane e que amosa a oposición do pobo galego ao golpe de Estado de Franco e á represión. Entrevistámola no Sermos Galiza 282.

longueira
photo_camera Imaxe: M.O.

6Recuperades a páxina de La Vanguardia en que se ve esa fachada da Universitat de Barcelona cuberta cunha réplica de A derradeira lección do mestre, feito que evidencia a transcendencia da obra alén da Galiza. Como chegastes a ela?

A profesora María Antonia Pérez foi quen a descubriu a través dunha información de La Vanguardia. Trátase dun arquivo magnífico, moi ben documentado, e temos que dicir que todos os arquivos aos que pedimos fondos para esta exposición tiveron un comportamento exquisito. A todos lles entusiasmaba o proxecto e están esperando por esa publicación que queremos facer.

No que respeita á contexualización da época, recolledes páxinas do ABC e de La Voz de Galiza que animan a nomear Franco príncipe de Galiza. Tamén hai fotografías de Carmen Polo e Carmen Franco cos próceres coruñeses que abandeiraron a campaña do espolio de Meirás. Por que ese interese?

En Trece estampas comezamos a pensar no ano 2016, no mes de maio, e unha vai vendo, vai sacando información… curioso que cando a inauguramos, a reivindicación da devolución do Pazo de Meirás estaba de plena actualidade, ao igual que o referendo catalán e temos na exposición o discurso de Companys… parece que hai procesos que non acaban de fechar. A noticia de Franco, príncipe de Galiza parecía unha brincadeira e non deixa de sorprender. Iso está xa saíndo da exposición. Unha ve esa noticia e é case como un sorriso, mais das a volta e ves os retratos dos compañeiros de Camilo Díaz Baliño e é todo unha esquizofrenia moi grande. Este país tiña que vivir nunha esquizofrenia grandísima. Se non fose tan dramático, parecería unha farsa, mais é un reflexo do que pasaba naquel momento.

Tamén está de actualidade A derradeira lección do mestre, que viría a Galiza para unha mostra puntual. Cres que debería vir e ficar aquí?

Por cuestións patrimoniais sería fantástico que estivese na Galiza. Eu non coñezo o tema coa profundidade que requiriría para dar unha opinión ao aspecto. Non sei como suceden os feitos profundamente para que a obra non teña vido nunca aquí. Penso que debería estar aquí, mais un fito como é recuperar esa peza ten que levar aparelladas moitas outras cousas. Temos que realmente poñer no seu sitio moita da historia que circunda esta xeración. Ao final, o cadro de Castelao ten unha visión case como icona del e de toda unha época. Non podemos ficar só na cuestión da iconografía, ten que traer aparellado un verdadeiro traballo pola memoria histórica e por analizar un proceso que non está analizado, porque non existe un verdadeiro traballo na recuperación da memoria do que foi este país. Claro que penso que debería estar aquí, mais non penso que sexa unha cuestión de iconografía.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 282, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios