sábado 04.04.2020
Entrevista

David Fernández: "Hai máis oíntes interesadas na lingua de signos"

As alumnas de David Fernández interpretaron un tema de Xabier Díaz en lingua de signos
Alumnado na gravación de "Cantiga da Montaña" interpretado en lingua de signos.
Alumnado na gravación de "Cantiga da Montaña" interpretado en lingua de signos.

David Fernández García adoitaba impartir cursos de verán de lingua de signos no Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela. Froito dun deles, en 2018, saíu unha versión interpretada para persoas xordas da "Cantiga da Montaña", de Xabier Díaz, que viu a luz na rede durante os últimos días. 

Como xurdiu a idea de gravar a "Cantiga da Montaña"?

Ultimamente está bastante en auxe a interpretación de cancións en lingua de signos, polo que llo propuxen ás alumnas como unha actividade de aula voluntaria. Entre todas procuramos un tema que nos gustase e fixemos a adaptación. Eran estudantes dun curso básico de 40 horas, así que buscamos unha canción que se adaptase a ese nivel, cun ritmo axeitado e coa letra doada. Elas estiveron encantadas coa proposta e fixérono moi ben. Ademais, unha estudaba Comunicación Audiovisual e foi a que se encargou da gravación e da edición do vídeo.

Comentaba que este tipo de traballos está en auxe?

Si, a interpretación de cancións a nivel do Estado está a ser popular. Por exemplo, a artista Rosalén , que sempre vai cunha intérprete, puxo en valor ese labor artístico. Logo, a nivel galego, de maneira máis modesta, hai algunhas experiencias, como un videoclip de Guadi Galego e, recentemente, unha canción de Rosa Cedrón. Uxía Senlle creo que tamén tivo algunha colaboración nese senso. No proxecto María Fumaça, moitos dos espectáculos son interpretados. 

A nivel galego, de maneira máis modesta, hai algunhas experiencias, como un videoclip de Guadi Galego e, recentemente, unha canción de Rosa Cedrón

Sendo en nivel de iniciación, foi complexa a adaptación?

Foi un traballo de aula que reflexionamos entre todas ao longo do curso. Propúxenllo os primeiros días e fomos traballando a adaptación para ver como facela da mellor maneira posíbel. Non é un videoclip profesional, como lle dixen a Xabier Díaz cando me puxen en contacto con el, mais está feito desde o máximo respecto polo traballo e pola música tradicional. Foi agradecido, gozamos moito dese esforzo e penso que o resultado quedou bastante xeitoso. 

Hai demanda destes cursos de lingua de signos? Comentaba que o ano pasado non se celebrou.

Si, pero por cuestións internas, non porque non existise demanda. Realmente, a medida que pasan os anos, as persoas que traballamos dentro da comunidade xorda percibimos que existe un maior interese pola formación en lingua de signos por parte de persoas ouvintes. 

Ese maior interese das ouvintes tradúcese dalgunha maneira en melloras na accesibilidade?

Creo que queda moito por facer aínda para a accesibilidade, especialmente no eido da cultura. É certo que dun tempo a esta parte, somos máis sensíbeis na eliminación de barreiras arquitectónicas, por exemplo, pero á sociedade civil e ao eido político e institucional aínda lle custa moito visualizar o limitantes que son as barreiras de comunicación e o acceso á información das persoas xordas. Hai que pelexar aínda moito para que se poñan intérpretes en numerosos ámbitos. A Consellaría de Educación segue a pór obstáculos e barreiras para incorporar intérpretes alí onde hai alumnado xordo, case hai que chegar aos medios de comunicación para que nos botedes unha man cando hai unha familia con crianzas xordas. Víase recentemente nun colexio de Bueu, que levan dous anos reclamando isto para un estudante xordo e se lle segue denegando por parte da Xunta.

A Consellaría de Educación segue a pór obstáculos e barreiras para incorporar intérpretes alí onde hai alumnado xordo, case hai que chegar aos medios de comunicación para que nos botedes unha man

Especialmente no eido da Cultura, aínda queda moito por facer. No acceso aos medios de comunicación, se pensamos nos públicos, a Televisión da Galiza ten só un informativo diario de segunda feira a sexta en lingua de signos. E para de contar. Non existe ningún contido audiovisual máis adaptado a persoas xordas. As administracións teñen que asumir a responsabilidade de facilitar o acceso á información. Ao final, os servizos de interpretación de lingua de signos na Galiza están subcontratados a partir de asociacións de persoas xordas, que reciben subvencións. Porén, vai sendo hora de que as institucións os asuman como propios e teñan un corpo de intérpretes para que quen o precise poida acceder, por exemplo, ao servizo de saúde, como calquera cidadá, tendo os mesmos dereitos que o resto. 

comentarios