Guitiriz acolle esta fin de semana o Festival de Pardiñas

O Festival reunirá grupos e músicos de Galiza, Euskadi, Asturies, Catalunya, País Valenciá, Escocia, Francia, Bretaña, Chile ou Colombia.

Presentación do Festival, onte, no balneario de Guitiriz.
photo_camera Presentación do Festival, no balneario de Guitiriz.

Do 4 ao 6 de agosto decorrerá en Guitiriz (A Terra Chá) XLVI Festival de Pardiñas, cuxa presentación tivo lugar esta segunda feira. O programa comeza na sexta feira co certame de Cantos de Taberna polos bares e rúas de Guitiriz e continúa o sábado e o domingo no recinto do festival, cunha vintena de concertos, obradoiros e espectáculos musicais de grupos e músicos de Galiza, Euskadi, Asturias, Catalunya, País Valenciá, Escocia, Francia, Bretaña, Chile ou Colombia. 

No acto, que tivo lugar no Balneario de Guitiriz, a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Iria Castro, parabenizou a Asociación Xermolos pola organización dun festival que é parte das “vivencias da veciñanza de Guitiriz e de moitas persoas de toda Galiza que ao longo dos anos desfrutamos aquí da música, do baile e do bo ambiente”.  “Que todos e todas poidamos desfrutar de Pardiñas non é froito da casualidade, é froito do traballo incansábel de Xermolos, un exemplo da boa saúde da que goza o asociacionismo galego”, apuntou.

Unha 'festa de familia'

Precisamente, tomou a palabra o presidente da asociación, Alfonso Blanco, quen reivindicou o Festival de Pardiñas como unha festa de familia que implica na organización toda a veciñanza e lembrou a contribución de Pardiñas ao fomento da creación artística con iniciativas como Certame Terra Chá de Creación Infantil e Xuvenil. 

Na presentación participaron tamén Xurxo Souto, Richi Casás e a alcaldesa de Guitiriz e deputada provincial Marisol Morandeira, así como integrantes da Asociación Xermolos e edís do goberno local. 

Entre os grupos que actuarán no festival, cuxa pregoeira é Sabela Núñez Singala, destacan Rebeliom do Inframundo, Caamaño & Ameixeiras, Caldo e Xisco Feijóo.

Comentarios