Premios Goya: O audiovisual galego suma dous novos galardóns

Janet Novás e Martín Romero recolleron onte cadanseu premio nun certame no que arrasou La sociedad de la nieve de J. A. Bayona

Á esquerda, Janet Novás. Á dereita, Martín Romero, Chelo Loureiro e Ivan Miñambres. (Foto: Raúl Terrel / Europa Press)
photo_camera Á esquerda, Janet Novás. Á dereita, Martín Romero, Chelo Loureiro e Ivan Miñambres. (Foto: Raúl Terrel / Europa Press)

A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España entregou este sábado os Premios Goya, os galardóns máis importantes que se conceden no cinema do Estado español, que celebran a súa 38 edición, unha cerimonia que tivo lugar na Feira de Valladolid e na que La sociedad de la nieve de J. A. Bayona se fixo con 12 premios.

Nesta edición, preto dunha decena de galegos que optaban a galardón, entre os que destacaba María Vázquez, que podía gañar a mellor actriz polo seu papel en Matria, unha película pola que tamén competía, na categoría de Mellor Dirección Novel, o cineasta Álvaro Gago.

A actriz e bailarina Janet Novás concorría ao premio á Mellor Actriz Revelación polo filme O corno, sendo rechamante que esta fora o único nomeamento da cinta de Jaione Camborda despois de gañar a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián.

Ademais, a cinta O soño da sultana, coprodución con participación da galega Abano Producións, atópase na categoría de Mellor Película de Animación. A produtora de Chelo Loureiro tamén leva un nomeamento por To Bird or not to Bird á Mellor Curtametraxe de Animación.

Precisamente con To Bird or not to Bird chegou a primeira alegría da noite para o audiovisual galego. O director coruñes Martín Romero recibiu con ela o Goya á Mellor Curtametraxe de Animación, unha mirada crítica do mundo contemporáneo desde a perspectiva das aves. Producida por Iván Miñambres e Chelo Loureiro, o filme xa recibira numerosos premios en festivais como o de Torrelavega ou o Veliki Brcko Best Film Award.

Pouco máis tarde chegaría o segundo Goya “galego”. A actriz e bailarina Janet Novás recibiu este sábado o Premio Goya 2024 á Mellor Actriz Revelación polo seu papel na película O corno, dirixida por Jaione Camborda. Novás, cunha delongada traxectoria como bailarina e coreógrafa, debutaba no cinema con este papel no filme de Camborda. Foi protagonista de Sermos Galiza en novembro de 2023.

Novás dedicou este galardón ás súas avoas Carmen e Saladina, que eran mulleres "salvaxes e sabias" ás que este recoñecemento pon en valor. "Para min, este premio vén pór en valor ese coñecemento que se conecta co esencial, unha sabedoría que non se articula a través das palabras. Póusase no corpo e camíñase, báilase, cantábase, para atravesar as inxustizas ás que foron sometidas", indicou a bailarina e actriz, quen tamén dedicou o premio a todo o equipo dunha cinta que "cheira a terra e sabe a vida".

 

Comentarios