Gisela Mato Rivera faise co premio Lueiro Rey de poesía coa obra 'Habitar as fendas'

O xurado destacou a capacidade do texto gañador para interpelar o público lector "abismándoo no océano da violencia, tanto física como xenérica, que remove e incomoda, pero que se supera pola forza resiliente do amor".
Gisela Mato Rivera.
photo_camera Gisela Mato Rivera.

A escritora e psicóloga nada na emigración, en Xenebra, Gisela Mato Rivera obtén o XII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, que o xurado do certame resolveu esta sexta feira nunha xuntanza no IES Rosalía de Castro de Compostela.

Formado por Luís Cochón, en calidade de presidente e mais as vogais Afra Torrado e Noelia Gómez, Mercedes Queixas (que participou da deliberación vía telefónica) e Armando Requeixo, xunto a Carmen Carreiro, que actuou como secretaria con voz e sen voto; o comité decidiu outorgar por unanimidade o premio ao libro de poemas presentado baixo o título Habitar as fendas.

Consolidación

Este texto, que resultou ser da autoría de Mato Rivera, impúxose aos outros 44 traballos orixinais presentados, dos que o xurado resaltou o seu "bo nivel", así como a súa "diversidade tanto estilística coma temática".

O certame, que chega á súa décima segunda convocatoria, consolida así a súa andaina coa colaboración tanto do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, como con Edicións Xerais, responsábel da publicación do volume gañador.

De Habitar as fendas, o xurado salientou "a capacidade para interpelar a quen le abismándoo no océano da violencia, tanto física como xenérica, que remove e incomoda, pero que se supera pola forza resiliente do amor. Nestes versos a vida habita nas fendas e sobrevive a toda mancadura. A luz esperanzada ábrese paso nos intersticios, brilla por riba da ira, das feridas e lañas que os desencontros afectivos sementan".

A voz das marxes

O poemario, engaden, tece un diálogo "desde o individual ao colectivo, dando voz ás desposuídas, ás que ficaron nas marxes e loitan por seguir o seu camiñar, rexurdir das cinzas e superar todas os abandonos e orfandades".

Escrito cun "admirable teselado de poemas en prosa", Habitar as fendas "deita unha musicalidade que arboriza e sostén cada verso enlevándoo e conseguindo que todo poemario funcione como un mecano harmónico onde resoan as voces de moitos dos grandes da tradición lírica da nosa contorna, dende Éluard a Trakl pasando por Celan e outros moitos que, habitando nas fendas, recrearon capitais da dor".

Comentarios