O galego e o portugués fían as pezas do Teatro do Porvir

As obras seleccionadas representaranse o 18 de novembro
'Menú-do-dia', de ChamizoBelloVila, elixida na edición de 2022. (Foto: FIOT)
photo_camera 'Menú-do-dia', de ChamizoBelloVila, elixida na edición de 2022. (Foto: FIOT)

A lingua galega e a portuguesa serán o fío que conecte os proxectos seleccionados para o VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Sete proxectos de artes escénicas que utilicen textos en galego ou portugués, individuais ou colectivos, para un espectáculo en calquera das modalidades e xéneros das artes escénicas serán elixidos de entre todos os presentados. 

O comité de selección está formado pola comisión organizadora da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña; Luís Miguel Franco da Silva, director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima; e Célia Guido Mendes, en representación do CCP en Vigo do Instituto Camões. O xurado basearase en criterios artísticos e escollerá catro propostas da Galiza e tres de Portugal.

A cada un dos proxectos galegos asignaráselle un orzamento de 350 euros, sendo a contía de 450 euros para os portugueses.

As pezas elixidas deberán ser representadas no festival, do cal sairá a recoñecida co II Premio IV Festival de Pezas dun Teatro do Porvir 2023, que decorrerá o sábado 18 de novembro no Fórum Metropolitano da Coruña.

Apoiar novos proxectos

Este festival enmárcase nas Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG, que naceron coa vocación de pór o foco nunha das manifestacións "máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu". 

Trátase dunha proposta que busca apoiar e fomentar novos proxectos escénicos a través dunha convocatoria e mostras dos mesmos, nunha xornada na que os e as participantes comparten, analizan e debaten sobre o sector. Ao tempo, tamén se procura abrir pontes, dentro do Eixo Atlántico, con Portugal.

Comentarios