Pregón da Feira do Cocido de Lalín

Freixanes cualifica a cociña galega de “catedral da cultura”

Hai medio século, Álvaro Cunqueiro ofrecía o primeiro pregón da Feira do Cocido de Lalín. Este domingo, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, tomoulle o relevo. “A cociña é unha das grandes catedrais da cultura galega, a crónica histórica da maneira de vivir dun pobo, do seu xeito de entender a vida”, afirmou ante centos de veciñas e veciños.
 

20180204 Pregón Freixanes
photo_camera Pregón de Víctor Freixanes na Feira do Cocido de Lalín. Foto: Concello de Lalín.

Acompañado do alcalde da vila do Deza, Rafael Cuíña, e doutras autoridades, Freixanes repasou ilustres nacidos no lugar. O astrónomo Ramón María Aller Ulloa (1878-1966), o matemático Rodríguez (1770-1824) e o aviador Xoaquín Loriga (1895-1927) -a primeira persoa en facer aterra un avión en Galiza- serviron ao escritor para “exemplificar a ambición das alturas, o pulo da vontade e do coñecemento científico, o espírito destas terras”.

Tamén houbo tempo para as lembranzas persoais. “O meu pai, ata cando llo permitiu a saúde, viña a Lalín por estas datas cos seus amigos de Pontevedra desgustar o cocido, e volvía cos ollos arregalados de luz, esa alegría da plenitude que só producen as grandes experiencias”, expuxo, antes de, no esteiro cunquerián, afirmar que “arredor dun bo xantar é onde se afirman as amizades”.

O presidente da Academia mencionou, ademais, algunhas das súas débedas literarias e culturais. Recordou que, segundo o Libro do Porco -editado en 1972 por Xosé María Álvarez Blázquez na mítica colección O Moucho-, existen en Galiza máis de 55 maneiras de nomear o porco. E que se Cunqueiro afirmaba que unha cacheira tiña 14 sabores distintos, Carlos Casares elevábaos a 27 ou 28.

Víctor Freixanes pechou a súa particular celebración do porco e cocido cos proverbiais vivas dun pregón en que pediu do Goberno local unha maior presenza de pregoeiras: “Viva a boa xente de Lalín, con razón ou sen ela!”.

Comentarios