A fraxilidade na obra de Vicente Blanco

Fraxilidade fronte a depredación. Coidados fronte a violencia. Suspensión do sentido fronte a discurso dominante. Vicente Blanco expón debuxos na galería Néboa de Lugo que reivindican unha nova mirada fronte a realidade, que considera a man como ferramenta de pensamento, ademais de como útil de traballo.
Unha sala da exposición de Vicente Blanco na galería Néboa de Lugo.
photo_camera Unha sala da exposición de Vicente Blanco na galería Néboa de Lugo.

A primeira exposición en Lugo de Vicente Blanco (Cee, comarca de Fisterra, 1974) é Os coleccionistas de formas. Inaugurouse na galería Néboa o pasado día 2. A mostra, que se poderá ver até o vindeiro 13 de abril, contén unha colección de debuxos que falan de memoria e coidados, de patrimonio e depredación, de natureza e neoliberalismo. Case como unha continuación da pasada exhibición no Espazo Sirvent de Vigo, o debuxo adquire un protagonismo que cadra ben coa fraxilidade dun mundo que desaparece pola sobreexplotación do sistema. 

"En realidade, o debuxo sempre foi a base do meu traballo", declara Blanco en conversa con Nós Diario. "E eu diría que é a base de todo traballo artístico. O que sucede, paradoxalmente, é que sempre estivo relegado ao taller, mentres que outras formas máis espectaculares como a pintura ou a escultura tomaban o espazo público da exposición. Pero a min o que me interesa é esa fraxilidade. O debuxo é máis unha marca que un rexistro, non busca tanto o poder como unha voz case íntima que nos fale. É moi precario, porque non precisa grandes medios. En certo modo, todas debuxamos coas nosas vidas, e esa marca que imos deixando ten que ver moito co tema destas obras, coa marca que deixamos na natureza e que vai camiño de ser irreversíbel".  

Fronte ao neoliberalismo  

A obra de Blanco sempre  tivo unha lectura anticapitalista -"antineoliberal", matiza- que se expresaba a través de imaxes máis recoñecíbeis, máis propias da cultura industrial, pero descontextualizadas de tal forma que a lectura que faciamos delas era necesariamente crítica. O debuxo de agora, pola contra, apela a unha maior empatía co mundo natural, o que non deixa de ser outra forma de enfrontarse aos marcos mentais dese neoliberalismo que menciona. 

"Eu creo que na miña obra sempre estiveron moi presentes as relacións de poder. Ese marco mental moldea o noso pensamento, de tal forma que non somos capaces de saírnos del nin sequera na nosa vida cotiá. O neoliberalismo relaciónase co medio natural exclusivamente a través da depredación e, nese sentido, os galegos e as galegas funcionamos un pouco así: se alguén nos di que o eucalipto é rendíbel, inzamos o monte deles, sen ter en conta a destrución que vai aparellada e que pode facer desaparecer un castro, unha casa reitoral ou unha paisaxe. A arte dá voz aos colectivos invisibilizados, e desde logo, a natureza constitúe en si un deses colectivos". O artista sostén que "a arte é pensamento crítico" e talvez por iso o seu discurso incide na proxección social que procura coa súa obra. 

"A arte rompe cos esquemas de pensamento que o sistema nos impón, busca a suspensión de sentido para obrigar o público a adoptar outros códigos cos que enfrontarse á realidade. E, nese sentido, busca e incluso xera unha mirada que atopa novas formas de decodificar o mundo, permite novas lecturas da realidade que teñen a capacidade de crear novos significados".

A conversa deriva cara ás estratexias que Jonathan Glazer emprega no seu filme A zona de interese -sobre a "banalidade do mal", segundo a famosa expresión Arendt, que levou aos campos de concentración- para conseguir esa suspensión de sentido que permita a persoa espectadora pararse a reflexionar sobre o que está vendo. "O momento no que estamos exixe, máis que nunca, pararse a ver o que sucede. Estamos nunha tensión, co regreso deses discursos ultrarreaccionarios e negacionistas, na que nos xogamos inclinar a sociedade cara a unha cultura da violencia ou cara a unha cultura dos coidados. Por iso é necesario volver ver o mundo con outros ollos, ser capaces de ver o que paga a pena conservar aínda que, a priori, non teña valor económico". 

E o coidado, unha palabra que Blanco repite con insistencia, tradúcese nunha forma de amor crítico cara ao propio. "Volvemos ao de antes: na Galiza tendemos a valorar moi pouco o propio e a pensar que o de fóra sempre é mellor. Pero claro, se destruímos todos os bosques para transformalos en plantacións de eucaliptos, como non van ser máis bonitos os bosques suízos?", pregunta entre risas.

Crear redes  

Blanco, que vive nos arredores de Lugo, está feliz de mostrar a súa obra por primeira vez na cidade das murallas. "Néboa está facendo un traballo excepcional e moi necesario. As Administracións, case sen excepción, non apostan pola arte e na Galiza, por razóns de dispersión poboacional e de carencias nas infrestruturas, resulta difícil que circulen as ideas e os debates. Crear redes de espazos nos que esas ideas poidan xurdir e transitar é algo imprescindíbel".

Comentarios