Belas Artes reivindica o seu papel na evolución da creación galega

Unha exposición xunta obras de docentes e alumnado da Facultade.
Unha sala da exposición.
photo_camera Unha sala da exposición.

Docentes e antigos alumnos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra protagonizan Campo de Sementes 2, a exposición que se pode ver desde esta pasada quinta feira no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. A través das creacións de trece artistas, a mostra que poderá visitarse até o 28 de xaneiro busca proxectar "a diversidade de xeracións e linguaxes artísticas que se están a dar no seo da facultade e que, cómpre non esquecelo, están a construír o edificio da arte contemporánea galega", como sinala o decano, Xosé Manuel Buxán, que tamén exerce de comisario da exposición. 

Organizada polo Museo en colaboración coa Universidade de Vigo, esta mostra dá continuidade a exposicións previas que combinaban tamén traballos de profesorado e artistas formados no centro, como De mestras e mestrados, inaugurada no Edificio Sarmiento a finais de 2020, e a primeira edición de Campo de Sementes, que puido verse en 2021 na Fundación RAC. 

Homenaxe a Berta Cáccamo

Nestas dúas mostras participaron 26 artistas, aos que agora se suman outros 13 nunha proposta na que “hai un gran peso das novas xeracións” de profesores e profesoras, varios deles antigos estudantes da facultade. Ese é o caso de Lucía Romaní, Sonia Tourón e Miguel Cuba, aos que se suman as tamén docentes Carmen Lage e Xisela Franco. 

Ás pezas destes artistas “todas elas recentes”, como lembra Buxán, súmanse dous cadros da que fora profesora da facultade Berta Cáccamo, falecida en 2018. Trátase, como explica o comisario, de dúas pinturas "da súa época de formación", realizadas en 1984 e 1986 e pertencentes a coleccións particulares, coas que a exposición busca ser tamén unha homenaxe á artista.

Comentarios