O filme 'Acordamos' lembra as loitas de principios do século XX

Pontevedra foi o escenario, esta terza feira 20 de xuño, da estrea do documental.
Presentación de 'Acordamos'. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Presentación de 'Acordamos'. (Foto: Deputación de Pontevedra)

A Deputación de Pontevedra, a través do Departamento de Memoria Histórica, estreou esta terza feira o documental Acordamos, un proxecto que dá resposta a unha das demandas recorrentes dos colectivos memorialistas: sinalizar os lugares de memoria. Nesta ocasión as localizacións da cinta teñen que ver coas loitas de principios do século XX: en Sobredo fálase de avances no agrarismo; en Moaña dos sindicatos mariñeiros; en Lérez, da loita veciñal contra os abusos caciquís; na Illa, da loita política; en Tomiño, da batalla que do profesorado por crear un ensino libre; e en Vilagarcía, da resistencia e a guerrilla. 

A peza reúne testemuñas de familiares e persoas investigadoras xunto á música de Uxía, Quilma e As Divinas, Malvela, Celina da Piedade e Ana Santos, Wöyza e María Faltri, Antía Muíño e Luis Pastor, Treixadura e Sondarúa. A idea orixinal é do Departamento de Memoria provincial, a dirección artística correu da man de Uxía, Lucas Terceiro está na dirección técnica e realización, Tito Ledesma no son en directo, Conchi Carro na produción e Carmen Conde no guión e condución. 

Transmisión xeracional 

Segundo destaca a deputada María Ortega, Acordamos, é a segunda volta do proxecto Acorda, un primeiro documental no que se puxo o foco sobre lugares singulares de represión franquista. A segunda entrega, subliñou a nacionalista, aposta por dar máis importancia á transmisión interxeracional da memoria unindo lembranzas de persoas maiores e a necesidade de coñecemento das persoas máis novas. 

No documental mestúranse figuras consagradas como Celina da Piedade, Malvela ou Luís Pastor con xente nova como Antía Muíños, Wöyza ou Son da Rúa, contando ademais con colaboracións especiais de rapazada, que participou na gravación dos vídeos en Moaña e en Tomiño.

A deputada Ortega quixo sinalar tamén que a estrea do documental é un dos actos finais do departamento no mandato. Destacou, porén, que supón o punto de inicio para seguir a espallar o contido, as ideas que o fascismo quería eliminar. Subliñou que aínda que non será posible editar un libro como na primeira ocasión, distribuirase o audiovisual entre as asociacións para que o proxecten cando queiran. 

Pola súa parte, a directora artística Uxía, sinalou que Acordamos debe ser o punto de arranque de novos traballos. Salientou a necesidade de recoñecer o labor feito polo departamento de Memoria nos últimos anos e reivindicou que “a memoria non debe desaparecer do mapa”. 

Comentarios