O programa 'Acordamos' recupera a historia da República da Illa de Arousa, a Fraternidade Mariñeira ou os mártires de Sobredo

Unha serie de videoclips a vítimas da represión franquista.
Presentación do programa 'Acordamos'. (Foto: Rafa Estévez)
photo_camera Presentación do programa 'Acordamos'. (Foto: Rafa Estévez)

A responsábel do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, a técnica Montse Fajardo e a cantante Uxía Senlle presentaron esta sexta feira a segunda Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra, Acordamos, para dar a coñecer, a través da música, lugares e feitos relacionados coa represión no século XX na provincia.

Este proxecto dá continuidade ao programa Acorda. Catrografía musical dá memoria histórica de Pontevedra, estreado en 2021, e co que se quixo dar voz ás vítimas relacionadas coa represión franquista na circunscrición de Pontevedra. María Ortega explicou que con esta segunda parte quíxose pór o foco "na loita" e gravar en lugares que simbolicen o intento que fixo aquela xeración "por construír unha sociedade máis xusta e solidaria".

Partindo desta idea, dáse a coñecer esa parte da historia a través de videoclips musicais gravados neses lugares, "outra mostra", dixo, da súa vontade de divulgar a memoria histórica a través de "novos formatos e cun gran protagonismo da transmisión interxeracional".

No documental Acordamos mestúranse "figuras consagradas" como Celina da Piedade, Malvela ou Luís Pastor con "xente nova" como Antía Muíños, Woyza ou Sondarúa, xunto a "colaboracións moi especiais" de crianzas e mozos e mozas das localidades de Moaña e Tomiño. Aliás, recolle testemuños e entrevistas tanto de expertos en temas de memoria como de persoas que viviron aquela época.

Loita antiforal

Montse Fajardo detallou que Acordamos fala tamén da loita antiforal, coa historia dos mártires de Sobredo: Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis; Joaquín Estévez, de Soutelo de Montes; e Venancio González, de Budiño, que foron asasinados o 28 de novembro de 1922 na parroquia tudense de Guillarei.

Tamén recolle a historia da Fraternidade Mariñeira, unha organización sindical dos traballadores do mar, con sede en Moaña, que foi fundada en 1930 e que tivo máis de 1.200 afiliados. Formaba parte da CNT e seguía todos os conflitos sociais.

O documental viaxa, así mesmo, até a parroquia pontevedresa de Lérez, onde se constituíu o 28 de outubro de 1926 a Caixa Rural do Lérez, unha institución cooperativa agraria de crédito que agrupaba os labradores da zona coa que trataban de evitar a usura dos bancos.

Outra historia da que se ocupa Acordamos é a da República Federal da Illa de Arousa, que foi un estado independente declarado nunha taberna o 7 de outubro do ano 1934 nesta localidade e que se mantivo durante un día nesa condición, xa que o 8 de outubro os responsábeis da sublevación foron detidos e postos en liberdade aos poucos días. Meses despois foron xulgados por sedición pero acabaron absoltos. Con todo, co golpe de Estado franquista, protagonistas desta historia foron paseados e a Santiago Otero fusilárono e botaron o seu corpo á ría.

Ademais, recóllese a historia das antigas escolas indianas durante a Segunda República, centrándose na situada no centro de Tomiño e coñecida como Aurora do Porvir, que foi financiada pola sociedade do mesmo nome con sede en Río de Janeiro. Unha escola que gozou dunhas modernas instalacións, con espazos para o estudo, a práctica de deportes e un campo de experimentación agrícola, segundo os criterios pedagóxicos máis avanzados.

O sexto e último enclave que protagoniza estes videoclips está no monte Xiabre, onde se explica a relevante actividade de oposición armada tras o golpe militar de Franco na comarca do Salnés.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios