Contracultura

Wöyza: "Cando estás no Courel e cantas os versos de Uxío Novoneira, sentes algo especial"

Sofía Trigo, música e cantante coñecida como Wöyza, é a responsábel da dirección artística en The Galician Messengers, que estreará EP o próximo 29 de novembro en plataformas dixitais. Trigo relata a historia detrás dalgúns dos temas, así como das mesturas de ritmos que ofrece o grupo xa que, como ela di, "non nos etiquetamos porque non encaixamos".
A música e cantante Sofía Trigo, coñecida como Wöyza. (Foto: Nos Diario)
photo_camera A música e cantante Sofía Trigo, coñecida como Wöyza. (Foto: Nos Diario)

—Un dos temas do novo EP, Caín as follas, recolle versos de Uxío Novoneira. Cal é a idea detrás disto?
A intención con The Galician Messengers era darlle unha volta a moitas cancións que son unha riqueza da música galega e que se están perdendo. Estes versos de Uxío Novoneira describen perfectamente a vida do Courel, e en xeral a da Galiza máis rural. Non sei explicalo, mais cando estás no Courel e cantas estes versos sentes algo especial.

Esa é a primeira experiencia que tiven eu e por iso quixen darlle unha volta coa miña forma de harmonizar e coas miñas influencias de góspel. Quería traela ao século XXI, quizais cun carácter cosmopolita mais mantendo esa forma de expresarse tan propia do Courel.

—Que máis se poderá ver neste traballo?
En total estará composto por seis temas, un deles en directo e dous con colaboracións doutros artistas. Ademais, tamén están publicados outros dous temas: Ay Deus e Campo estrelado. O primeiro xurdiu en 2017, cando conseguiran traer o pergamiño Vindel a Vigo desde Nova York e se fixo un concerto na Universidade de Vigo para darlle a benvida.

Naquel momento, Cristina Pato convidárame a formar parte do proxecto e pedírame que musicara Ay Deus! Se sab' ora meu amigo. Eu fixen unha versión na que mesturaba hip hop e soul e funcionou tanto que sempre a pedía público nos concertos, entón cando preparei o repertorio para o grupo era unha das cancións que máis sentido tiña que estivera aí. Quedei prendida dela porque o tema do que fala non está pasado de moda, por esta intriga arredor de Martín Códax, que non se sabe se era un home ou unha muller porque fala sempre en termos femininos, porque é unha das cantigas máis antigas de Europa, como non ía facer unha homenaxe?

No caso de Campo estrelado é xa unha letra miña que compuxen nos seis meses que estiven vivindo en Madrid antes da pandemia. É incríbel como de súpeto, estando fóra da terra, chega a morriña, inclusive cando non es consciente do vínculo tan forte que tes. Eu estaba acostumada a vivir en Moaña, erguerme polas mañás e ver dun lado o verde e do outro o mar. De feito, cheguei a ter alucinacións auditivas porque estando en Madrid escoitaba as gaivotas ás que estou acostumada e cando miraba fóra evidentemente non estaban.

Todo isto inspiroume para crear a letra desta canción, aproveitando para falar tamén sobre o camiño, sobre como se sente a xente que chega a Santiago despois dun longo percorrido, porque para min cada volta á casa era como unha volta á esencia, a miña propia peregrinación. É un pouco esta idea dun camiño en ambas as direccións, porque levan a Santiago, pero desde Santiago tamén chegan a todo o mundo. En The Galician Messengers queremos ser mensaxeiros, tender estas pontes de ida e volta e por iso nós tocamos música tradicional, mais tamén rock, soul ou hip hop. Máis aló da música característica dun pobo, o importante é como transforma ese pobo polo seu carácter e pola súa propia cultura os elementos que lle chegan, como fai propias estas cousas que en principio lle son alleas. E Galiza é un pobo que absorbe e exporta cultura. 

—Tendo todos os membros proxectos paralelos, como é o funcionamento do grupo?
Somos moi libres creando música. Non nos etiquetamos porque non encaixamos, entendemos a música dun xeito moi experimental. Estamos neste proxecto para espremer e cultivar os sons dos que nos fomos alimentando. Cada un vén da súa casa e nós facemos unha mestura de personalidades artísticas, é como estar nun laboratorio. É certo que eu levo a dirección artística, mais todos somos creadores no proxecto e nunca hai unha imposición, senón que todo o mundo aporta as súas ideas, probamos e a ver que ocorre.

Comentarios