Recolle o relato das vítimas en 5 pezas audiovisuais

'Gravadas na memoria' recupera as voces das persoas represaliadas

As pezas lanzaránse a semana próxima, unha por día, na web e na canle de Youtube da Deputación de Pontevedra. 
A deputada de memoria Marta Ortega durante a presentación.
photo_camera A deputada de memoria Marta Ortega durante a presentación.

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, presentou onte o proxecto Gravadas na memoria, unha iniciativa que recolle en cinco pezas audiovisuais o testemuño de persoas que viviron de perto a represión franquista. Os vídeos estarán dispoñíbeis na páxina web da Deputación de Pontevedra e divulgaranse entre os colectivos de memoria e os centros de ensino. 

A deputada de Memoria, María Ortega, explica que o proxecto púxose en marcha porque pasadas case nove décadas do alzamento fascista xa é moi complicado atopar testemuñas directas."Parecíanos vital que non se perdesen esas voces. Temos claro que a memoria é patrimonio de toda a sociedade e as administración teñen a obriga de coidala, como calquera outro ben de interese xeral", indicou. 

As gravacións teñen unha duración aproximada de 50 minutos cada unha e permiten facer un percorrido pola memoria do tempo republicano, nomeadamente da escola, do golpe, ou da represión que chegou despois, tendo un protagonismo moi especial a illa de San Simón

Dáse voz a persoas de diferentes comarcas da provincia que no seu momento estiveron na illa visitando os seus familiares no tempo que foi cárcere e incluso se recollen as verbas da descendencia dun dos matrimonios que se forxou entre un preso e unha madriña.

 

Unha iniciativa urxente 

As responsábeis da recollida de información e das entrevistas coas persoas protagonistas foron Eva Mejuto (xunto a empresa Capicúa) e María Xesús López Escudeiro. Elas expuxeron que facer o traballo de campo e pór a andar esta iniciativa era un labor "urxentísimo" posto que  moitas das participantes eran persoas de moi avanzada idade. Mesmo foi imposíbel falar con dúas das que estaba previsto, por falecemento e por non estar en condicións para facer a gravación. 

"Os relatos son parte da historia non contada", asegurou Mejuto, subliñando que as persoas protagonistas achegan as súas duras experiencias de vida, sobre como perderon persoas próximas pola súa loita e as súas ideas, "desde a xenerosidade, sen rancor ou ansia de vinganza. [...] Todas queren transmitir unha mensaxe de esperanza, non de pesimismo, senón de coñecer para non repetir". 

Tamén sinalaron que os cinco audiovisuais mostran fotos, cartas, obxectos importantes polo seu simbolismo que durante moito tempo tiveron que estar agochados como unha rebeldía, un acto de resistencia e dignidade, lembrando ás persoas represaliadas coas que estaban relacionadas. 

“Entón entraban nas casas e arrasaban con todo –os victimarios. Non querían deixar constancia da súa existencia –das persoas represaliadas-. Querían aniquilalas –incluso no seu recordo“, destacaron as creadoras.

 

Comentarios