Tui homenaxeará os mártires de Sobredo, "na memoria 100 anos despois"

Tui inaugurará unha rúa en honor a Cándida Rodríguez, Xoaquín Estévez e Venancio González.
Acto de homenaxe aos mártires de Sobredo en 2021. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Acto de homenaxe aos mártires de Sobredo en 2021. (Foto: Nós Diario)

O Teatro Principal de Tui acollerá este sábado, 19 de novembro, un acto de conmemoración aos mártires de Sobredo moi especial, previa do 100 aniversario do asasinato a mans da Garda Civil de Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis (Tui); Xoaquín Estévez, de Soutelo (Salceda); e Venancio González, de Budiño (Salceda), durante unha protesta labrega para exixir a eliminación do pago dos foros.

O instituto armado dirixírase a Sobredo para embargar un veciño que se negara a pagar os foros. Tocaron a rebato as campás das igrexas para alertar da presenza dos gardas civís. Reuníronse máis de 2.000 persoas para evitar o embargo. A represión deixou tres persoas mortas, coñecidas a partir dese momento como os mártires de Sobredo, e numerosas persoas feridas.

O acto comezará coa proxección de ‘Os Sucesos de Sobredo’, emitido na Televisión Española-Galicia no ano 1991 e vídeo gañador do premio De Escola a Escola. A continuación decorrerá unha primeira interpretación de música coral, a cargo do Coro Galego Cantares de Brión.

Despois desta actuación musical, terán lugar as actividades centrais da homenaxe. Así, decorrerá unha mesa redonda na que participan persoas e entidades impulsoras de actos en memoria dos Sucesos de Sobredo; unha interpretación musical a cargo de Tomás Camacho; e un recitado poético de Brais González.

Seguiranlle senllas intervencións dun representante dos familiares dos mártires de Sobredo, dun representante do Concello de Tui, e dun representante do Instituto de Estudios Agrario Mártires de Sobredo (IEAMSo), impulsor da homenaxe. Fechará o acto unha nova actuación coral do Coro Galego Cantares de Brión.

Actos centrais de homenaxe

Os actos centrais de homenaxe aos mártires de Sobredo decorrerán a vindeira semana. O domingo 27 de novembro, en Guillarei (Tui), decorrerá a conmemoración do 100 aniversario que, como cada ano, desenvolverase fronte ao monumento erixido polo escultor Camilo Nogueira Martínez en 1932, destruído polo franquismo e reconstruído en 1986.

O día seguinte, 28 de novembro, o Concello de Tui inaugurará a rúa Mártires de Sobredo, un nomeamento acordado nun pleno do pasado mes de setembro.

Comentarios