Fillas de Cassandra, aspirantes a catro premios MIN, porá música á gala dos Premios Mestre Mateo

O dúo está a presentar un novo espectáculo na súa nova xira, nomeada Últimas Dionisíacas.
Sara Faro e María Pérez forman Fillas de Cassandra. (Foto: Santi Iglesias)
photo_camera Sara Faro e María Pérez forman Fillas de Cassandra. (Foto: Santi Iglesias)

As creacións musicais de Fillas de Cassandra fiarán a gala dos XXII Premios Mestre Mateo do Audiovisual galego, que se celebrará este sábado, 23 de marzo, na cidade da Coruña.

María SOA e Sara Faro son as responsables das composicións que acompañarán os distintos fitos da cerimonia, ademais de ser parte da súa dinamización a través de distintas actuacións que ofrecerán ao longo da noite.

Así, a banda sonora orixinal creada por Fillas de Cassandra fiará musicalmente as distintas escenas que conformarán a cerimonia. É o caso das entregas dos galardóns, do Premio de Honra e doutros momentos do evento, que terá lugar no Coliseum da Coruña e que se poderá seguir ao vivo a través da TVG.

Fillas de Cassandra regresa á cidade da Coruña tras actuar o 22 de febreiro na Sala INN, nunha adaptación do espectáculo que están a presentar na súa nova xira, nomeada Últimas Dionisíacas. Trátase dunha proposta escénica e musical na que as artistas fan unha revisión dos temas máis coñecidos do seu primeiro LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente.

No directo, no que a luz e a escenografía teñen un papel moi relevante, tamén recuperan algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e dan a coñecer outros inéditos para o público.

O dúo, por outra parte, acaba de recibir a noticia de que é finalista, co seu álbum de debut, en catro categorías dos Premios MIN da Música Independente:  Mellor álbum en galego, Mellor álbum de música de raíz, Mellor artista emerxente, e Mellor videoclip por Lisístrata (Varre vasoira). A entrega dos Premios MIN, terá lugar o 17 de abril en Zaragoza.

Comentarios