Tanxugueiras, La Pegatina e Fillas de Cassandra, entre as primeiras confirmacións do Revenidas 2024

As entradas para os catro días están xa á venda a un prezo de 59 euros.
Fillas de Cassandra, durante a súa actuación no festival Revenidas 2023. (Foto: Christian Pérez)
photo_camera Fillas de Cassandra, durante a súa actuación no festival Revenidas 2023. (Foto: Christian Pérez)

O festival Revenidas vén de facer públicas as primeiras confirmacións para a edición deste 2024, entre as que salientan Tanxugueiras, La Pegatina e Fillas de Cassandra. O certame reafirma así o seu "compromiso coa música galega e en galego", coa presenza, alén das recoñecidas artistas xa mencionadas, de Lontreira ou Loita Amada.

Tamén corrobora a súa aposta por destacados nomes da escena estatal, "con diversas procedencias e linguas", como o caso dos cataláns La Pegatina —na súa xira de despedida dos escenarios—, Serial Killerz e as Balkan Paradise Orchestra, os vascos ETS (En Tol Sarmiento) ou o sevillanos Narco.

A eles e elas súmase a presenza de artistas internacionais como Dubioza Kolektiv e Talco. Desde o Revenidas resaltan que con este primeiro avance tamén se pon de manifesto o seu compromiso coa paridade de xénero, coa presenza de varias bandas integramente femininas e doutras con músicas e cantantes na súa formación.

Os abonos para os catro días do Revenidas 2024 —12, 13, 14 e 15 de setembro— están xa á venda na páxina web www.revenidas.com, a un prezo de 59 euros. As persoas que compren os abonos tamén poderán reservar na web o acceso á acampada por un importe de 10 euros.

Comentarios