Presentan o programa que se desenvolverá o 3 de setembro

O Festival de Poesía do Condado volta lembrando o movemento obreiro

O vindeiro 3 de setembro o Festival de Poesía do Condado volve despois de dous anos de ausencia por culpa das restricións derivadas da pandemia. Nomes como os de Antón Reixa, Anxo Angueira ou Joseba Sarrionandia xúntanse na programación da edición de 2022.
MercedsPeon20110926A
photo_camera Mercedes Peón encabeza o cartel musical do Festival de Poesía do Condado deste ano.

En 1981 celebrábase a primeira edición do Festival de Poesía do Condado e, desde aquela, a cita transformouse non só nun clásico, senón nun evento imprescindíbel da literatura que pretende ir máis alá do lírico para mergullarse no social. Despois de dous anos de ausencia por mor das restricións derivadas da pandemia, este ano, o festival volve -o vindeiro 3 de setembro- e escolle como eixo o cincuentenario das mobilizacións en Vigo e Ferrol que, en 1972, marcaron un fito do movemento obreiro galego e que culminaron coa tráxica morte de Amador Rey e Daniel Niebla.

“Cada ano escóllese unha temática distinta arredor da que xiran as actividades do festival e, este ano, que se conmemora o 50º aniversario deses episodios históricos que marcaron a historia da Galiza, quixemos recoller ese fito, reivindicalo, e tamén mirar arredor para ver en que momento se atopan agora mesmo o sindicalismo e o movemento obreiro galegos”, explica Bruno Lopes Teixeiro, da organización do Festival. 

A traxectoria do Festival de Poesía do Condado sempre correu paralelo a esas loitas emancipatorias que afectan á sociedade: unir poesía e activismo non é unha novidade para a cita. “Si, este é un festival que se caracteriza precisamente pola escolla de poetas reivindicativos. Se fixésemos unha lista dos nomes que teñen pasado polo escenario, decatariámonos de que todos son autores e autoras cunha forte conciencia nacional e de clase e cuxa obra ten un forte carácter combativo”, asegura Lopes Teixeiro. 

Esta edición do festival conta con figuras xa moi consagradas como Anxo Angueira e Antón Reixa e con persoas máis novas como Lucía Aldao ou María Lado. Polo medio, nomes como os de Carlos da Aira, Charo Lopes, Marga Tojo ou Regina Touceda. A confluencia de xeracións leva a Lopes Teixeiro a pensar que o recambio na poesía galega está consolidado. “Son poetas que xa recolleron premios, que malia a súa mocidade xa teñen un lugar no sistema literario galego e que, sen dúbida, van deixar marca”. 

E tamén se conta neste ano con invitados de fóra, algún deles de tanto prestixio como o de Joseba Sarrionandia. “Cando tivemos a oportunidade de contar con el, non o dubidamos. Sarri prologara o libro da edición anterior, xunto a Jordi Cuixart, nun festival dedicado á solidariedade internacionalista, mais daquela aínda estaba refuxiado. Agora que volveu a Euskal Herria e que vimos a opción de que viñese ao Condado, nin o pensamos. Estamos encantados de que quen quizais sexa a figura máis importante da literatura vasca contemporánea estea no festival”. 

O evento tamén é música, e o cartel non decepcionará: Mercedes Peón, Os Resentidos, Dakidarría, Flow do Toxo, O Rabelo, Liska, Teresa Urkiola ou Sapoconcho sen poncho serán algúns dos nomes que acompañen os poemas recitados.

Ademais, este ano hai uns invitados moi especiais, Hertzainak, a mítica banda do rock radical vasco que algúns non dubidaron e comparar con The Clash e que levan anos separados. “O grupo xa estivera no Condado hai trinta anos, creo que con Leilía", lembra Lopes Teixeiro, "e deuse a posibilidade de que tocasen nesta edición. Serán os que abran o festival nun concerto especial e cargado de simbolismo”.

Solidariedade entre pobos e presenza do Sáhara

A solidariedade internacional continúa a estar presente no Condado grazas ao nome de Alí Salem Iselmu, poeta saharauí residente en Euskal Herria. "A súa presenza enmárcase dentro da relación de irmandade con outros pobos que mantén o festival", declara Lopes Teixeiro. "Tendo en conta a situación que está a sufrir o Sáhara actualmente e a actualidade política da que é protagonista, a presenza desta figura que dá voz a ese pobo era moi importante para nós". 

Este será outro dos alicientes dun festival que regresa con forza e que desexa "que polo menos teña o mesmo recibimento que as edicións anteriores. O torreiro do recinto amurallado xa botaba de menos a poesía e os sinais que nos están chegando indican que este ano pode ser un grande éxito". 

Comentarios