Non haberá festival da Poesía do Condado en 2020

A 34 edición fica adiada a 2021 como consecuencia da incerteza provocada pola pandemia.

rebeliom inframundo no condado 2018
photo_camera Rebelion do Inframundo no Festival de 2018

2020 non terá Festival da Poesía do Condado, unha cita que leva ás costas 34 edicións reunindo cultura, disidencia e convivio. A pandemia de coronavirus continúa a alargar a súa lista de cancelacións e adiamentos. A SCD do Condado decidiu que esa 34 edición teña que agardar até 2021. Iso si, e como elas propias informan, argallan organizar, “tan pronto as condicións o permitan”, un evento ou encontro “para nos juntarmos e vivermos a cultura galega”.

A organización do Festival sinala nun comunicado que a día de hoxe o Concello de Salvaterra non pode garantir que nas datas habituais nas que decorre o Festival, finais agosto principios setembro, este poida ter lugar. Aponta tamén como outros eventos e festivais de maior orzamento están a variar as datas previstas, o mesmo que acontece coa programación cultural de concellos.

“Partimos da autogestom e maioritariamente o nosso orçamento vem do trabalho do balcom no dia do festival, além das e dos pequenos colaboradores. Só umha percentagem pequena provém de ajudas institucionais. É por isso que nem estamos em condiçons de concorrer com outros eventos a decorrerem nas mesmas datas, nem menos com as que o farám a escassos quilómetros, nem temos intençom de o fazer”, manifestan.

Tamén demandan unha “maior comunicaçom entre instituiçons, associaçons culturais sem fins lucrativos e a indústria cultural, para evitar coincidirmos no calendário”.

Unha historia de compromiso

A última etapa do franquismo estivo caracterizada pola convulsión en todos os eidos, especialmente no social. Lonxe da “extraordinaria placidez”, en verbas do ex ministro do Interior de Aznar, Jaime Mayor Oreja, produciuse un agravamento da xa non pequena represión a partir da morte de Carrero Blanco. Ese mesmo ano, 1973, un grupo de valentes creaba a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado. Nado como equipo de fútbol co escudo do Condado e a bandeira galega estampada na camisola, quedaron campións de liga na súa primeira tempada.

Os seus fundadores, entre os que estaba Xosé González, eran un grupo de mozos “nacionalistas e independentistas” que viron no fútbol unha oportunidade para dar un primeiro paso á hora de constituírse como asociación e poder levar a cabo actividades sociais e culturais en todas as parroquias de Salvaterra: cineclubes –con proxección de filmes prohibidos como O Acorazado Potemkin–, exposicións, concertos, magostos, plantacións de árbores nos colexios…

Dese xermolo guerrilleiro e combativo acabou por brotar, case unha década despois da fundación da SCD, o Festival da Poesía do Condado. En 1981 celebrábase un evento que tiña como obxectivo “axuntar” os autores máis populares na Galiza dunha disciplina que daquela era considerada como “o parrulo feo da escritura”, como sinala Xosé González. Co paso do tempo, aquel modesto festival desenvolvido sen apoio institucional de ningún tipo creceu até ver como nomes do nivel de Manuel Rivas, María do Carme Kruckenberg, Manuel María, Xosé Neira Vilas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, María do Cebreiro ou Marta Dacosta se achegaban ano tras ano a recitar ás murallas de Salvaterra do Miño.

Comentarios