Tres mortos nun ataque da aviación marroquí na zona norte do Sáhara Occidental

O bombardeo é parte dunha ofensiva aérea maior, denuncian medios saharauís. Nas últimas horas deixou varias vítimas mortais, persoas feridas e desaparecidas, ademais de cuantiosos danos materiais.
O exército saharuí en Hauza e Smara. (Foto: ECSaharaui).
photo_camera O exército saharuí en Hauza e Smara. (Foto: ECSaharaui)

Polo menos tres persoas morreron e varias resultaron feridas esta madrugada nun ataque cun dron militar marroquí na localidade de Ain Bentili, que se atopa na fronteira entre o Sáhara Occidental e Mauritania.

O bombardeo marroquí tivo como obxectivo unha estación de servizo onde adoitan parar viaxeiros e comerciantes que transitan entre ambos os dous territorios.

O ataque enmárcase nunha serie de operacións militares levadas a cabo durante a última xornada a un quilómetro aproximadamente dunha base militar mauritana, segundo informacións do portal de noticias ECSaharaui, que apunta até unha ducia de intervencións por parte da aviación marroquí no norte do Sáhara.

Vítimas e desaparecidos

Fontes sobre o terreo confirmaron que durante a fin de semana producíronse polo menos oito bombardeos que se saldaron con varias vítimas, ademais de danos en depósitos de auga, tendas, campamentos e camións.

As vítimas mortais identificadas até o momento son unha muller e o seu fillo, que foron alcanzados por un mísil cando se atopaban no interior dun vehículo, e unha moza dun 20 anos.

Ademais, na zona hai varios feridos de gravidade e case unha decena de persoas desaparecidas debido ao elevado tránsito de civís na zona que se desprazan cara a Mauritania.

Pola súa parte, o Exército mauritano confirmou a morte dunha muller e apuntou a varios desaparecidos, entre eles un menor de idade. As operacións de procura e rescate levadas a cabo por Mauritania continúan na zona.

Tensión bélica

A axencia de noticias saharauí SPS acusou as forzas marroquís de realizar un "bombardeo bárbaro" contra cidadáns e propiedades saharauís e alxerinas no marco dunha política de escalada por parte dun "réxime de ocupación".

Segundo recolle Ecsaharaui, é a primeira vez desde o estalido da guerra, o pasado 13 de novembro de 2020, que os avións de combate marroquís atacan unha serie de brancos civís nunha área lindeira á localidade de Ain Ben Tili. Os bombardeos elevan a tensión bélica entre Alxeria e Marrocos e aguza as hostilidades no Sáhara Occidental.

Até o momento, nin a RASD nin Alxeria se pronunciaron oficialmente sobre o suceso.

Comentarios