Un Festigal con Fillas de Cassandra, Dios Ke Te Crew e Grande Amore

Abrirán Leria, banda gañadora do concurso Novos Valores 
Bandas participantes e integrantes da comisión organizadora presentaron esta cuarta feira o cartel do Festigal 2023. (Foto: Festigal)
photo_camera Bandas participantes e integrantes da comisión organizadora presentaron esta cuarta feira o cartel do Festigal 2023. (Foto: Festigal)

O Festigal vén de presentar o seu cartel para a edición deste ano 2023, que contará con actuacións na noite do 24 de xullo das bandas Fillas de Cassandra, unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto oral con influencias da música pop, eléctrica e clásica; Leria, a banda coruñesa de indie pop encargada de abrir esta edición do Festigal como gañadora do concurso Novos Valores do Festigal; Dios Ke Te Crew, un referente do hip hop galego que volve ao Festigal, onde comezou a andar a súa historia no ano 2003; e a mistura das influencias do rock and roll e o punk co techno e o electropop dos anos 80 de Grande Amore

Estas serán as bandas encargadas de poñer en marcha este evento multitudinario da música e da cultura galega que terá lugar no Campus Vida de Santiago de Compostela

Na xornada do Día da Patria Galega, o 25 de xullo, haberá ademais concertos de Escaravellos, O Rabelo e Dj Misa, así como unha ampla lista de actividades para dar a coñecer novas iniciativas artísticas de creadoras e creadores da Galiza. 

Presentacións de libros e palestras, postos de artesanía e obradoiros infantís, entre outras actividades, completan a programación desta festa para todos os públicos que contará cunha zona de acampada e unha variada oferta gastronómica.

Representantes da comisión do Festigal, promovido por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, presentaron esta cuarta feira o cartel desta edición 2023, obra do tatuador e deseñador Anxo Varela, do proxecto ourensán Pruden Tattoo, pondo en valor os vinte e un anos de historia deste evento que busca "construír e alargar a conciencia de país"

Crítica ás axudas a festivais da Xunta

Desde a organización do Festigal lamentaron o “escaso apoio institucional” por parte da Xunta da Galiza a festivais organizados polo tecido asociativo, fronte ao importante soporte que concede a eventos de empresas nos que os grupos que crean en galego son unha minoría. 

Desta maneira, critican que os criterios para valorar estas axudas non teñan en conta a presenza da lingua propia, con 5% da puntuación total. Como exemplo máis evidente, subliñaron, está o caso do Son do Camiño, que supuxo un investimento de 3 millóns de euros públicos para unha empresa privada que organizou un evento de masas en cuxa programación apenas tivo presenza a lingua galega.

Comentarios