Felipe-Senén López: "A cultura queda reducida a días determinados con cerimonias varias que non serven para nada"

A asociación de Amigos dos Museos da Galiza finalizou este mes unha serie de conferencias no seu espazo Portas Ártabras da Coruña para explicar a situación actual da cultura galega a través da súa historia. A actividade, realizada polo arqueólogo Felipe-Senén López, tratou a interacción entre tradicións e creacións pasando pola aculturación que vive o país neste século XXI.

O arqueólogo e museólogo Felipe-Senén López nunha imaxe de arquivo (Foto: Eduardo Castro Bal de Ollo de Vidro-ACAB)
photo_camera O arqueólogo e museólogo Felipe-Senén López nunha imaxe de arquivo (Foto: Eduardo Castro Bal de Ollo de Vidro-ACAB)

Como se chega á aculturación na Galiza?

A través da ditadura dos supermercados que se meten polo medio en aspectos tradicionais. Por exemplo, no botellón, ou mesmo no asfaltado de lugares de expresión, como son as campas, que converten en aparcadoiros. Ademais, esas reunións fomentan o machismo e o clasismo, nada que ver coas festas populares. Dexeneran os lugares de espazo e invaden, outro exemplo, un lugar inmaculado e ecolóxico como son as praias nas fogueiras de San Xoán.

E non se teñen en conta referentes culturais históricos?

Toda a filosofía de crear unha imaxe do país -que sae de Murguía e pasa por Vicente Risco, por Castelao e que retoma no laboratorio de formas Sargadelos, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane- parte dunha base moi consolidada vinculada á tradición e á modernidade da arte e a industria. Semella que non se entendeu ao cabo do tempo. Mesmo o Seminario de Estudos Galegos segue dentro do que é o Consello Superior de Investigacións Científicas, unha solución franquista e centralista.

Mentres, aquí, descoñecendo toda esa historia, dedicámonos a entorpecer toda esa liña que viña de antes creando outras confrarías como, por exemplo, o Consello da Cultura Galega e outras que dificultan un labor que viña de antes. Mesmo agora, tradicións e festas como o Entroido están en función dos bazares estranxeiros onde acodes a mercar o disfrace. Terminaremos por deixar de comer filloas para rematar no McDonald’s!

Terminaremos por deixar de comer filloas para rematar no McDonald’s!

A cultura queda reducida a días determinados con cerimonias varias que non serven para nada. Cando, en realidade, a cultura é o que o ser humano cultiva e o que leva posto. A tradición galega, efectivamente, hai que repasala diante dese folclorismo inútil e estéril que entende que non se pode vincular o mundo panceltista, que é o mundo humanista, fronte ao xermanismo. A cultura galega está feita de camiños e portos, como toda tradición non é nada estática. 

Neste sentido, creo que hai que recuperar a gran figura dese creador europeísta e panceltista que foi Vicente Risco. Nunca entrou no xermanismo que, pola contra, era racista. A súa fundación é unha alternativa na Galiza para esconxurar vellos lentes mentais que levamos postos en relación á cultura galega. Esa parte de humanismo e espírito que é a tradición galega é o que lle falta á política galega actual, vese agora no Parlamento galego. A cultura lévase posta.

Non ten boa difusión a cultura galega?  

Hoxe quen educa ou maleduca, movémonos nunha dialéctica, xa non é a escola nin a casa, son as novas tecnoloxías e os medios de comunicación. E niso a Galiza anda atrasadiña. Dentro do fenómeno da aculturación está a burocratización administrativa. É un escándalo o que está acontecendo en casos como o de Muxía e os secadoiros de peixe. Sanidade prohibe e multa un paisano por seguir unha tradición que se perde nos séculos e explica as relacións da Galiza con Aragón e Catalunya.

É etnoarqueoloxía pura e podía ser un ecomuseo como teñen nos países nórdicos que presumen das súas tradicións de secado, salgado e afumado. Alí véndeno como un recurso. 

Fáltanos sedución e o predicamento que estaba no espírito de Otero Pedraio

Fáltanos sedución e o predicamento que estaba no espírito de Otero Pedraio. Pola contra outros levan a aculturación posta. É o caso de certos humoristas que fan moito dano tratando sempre a xente humilde e nunca ríndose dos banqueiros como fixo no seu momento Chaplin. Pasa o mesmo co noso patrimonio.

Estes días A Coruña perdeu un cadro esencial do pai de Picasso que irá a Barcelona. Era unha icona ao tratar o tema das pombas, o símbolo que despois o seu fillo fixo universal nacera aquí. Mentres, aquí preparan o "pailanismo" dunha grande exposición sobre Picasso, o gran pintor que se formou aquí.

Comentarios