Contracultura

Fátima Delgado: "Cuestiónase o corpo das mulleres cada vez que destacan, mais non se fai co dos homes"

Fátima Delgado, dramaturga, publica 'Run, baby run' (Galaxia), unha obra que chega case en paralelo aos escenarios, coa súa estrea o día 6 de outubro no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (Compostela).
A actriz, dramaturga e poeta Fátima Delgado. (Foto: Ilde Sandrín)
photo_camera A actriz, dramaturga e poeta Fátima Delgado. (Foto: Ilde Sandrín)

—Como se decidiu a crear un texto teatral sobre a realidade das mulleres no mundo do atletismo?
Este texto comezou a xestarse en 2017 grazas a unha mentoría que tiven cunha compañeira, tamén dramaturga e actriz, Saida Santana, no programa da Liga de Mulleres Profesionais do Teatro de España. A esa mentoría eu levei o meu interese polo caso dunha atleta que sufrira discriminación de xénero, polo que eu quería escribir unha obra de teatro inspirada nisto.

Despois dun tempo conseguín unha axuda da Comunidade de Madrid para escribir o texto en español e despois da pandemia coñecín Jana Pacheco, a actual directora da obra, de maneira que decidimos comezar a mover o texto. Todo isto coincidiu con que Francisco Castro, sendo director xeral de Galaxia, coñeceu a miña faceta poética no Festival Kerouac (Vigo), porque alén de publicar libros sobre todo fago poesía escénica ou performativa. Estabamos en contacto, máis por estes temas poéticos, e eu achegueille este texto comentándolle que tiña unha versión en galego. Esta é tamén a que se vai representar o día 6 de outubro. 

—Fala da discriminación de xénero, mais tamén introduce outros elementos.
Non quería que fora unha biografía nin contar a historia real dunha atleta, iso foi unha inspiración para que construíse unha historia de ficción. Evidentemente, todo bebe de fontes de distintas mulleres discriminadas por ter unhas condicións físicas que rompen os patróns de xénero, o que se considera que ten que ser unha muller. É unha historia de mulleres porque alén da atleta protagonista tamén aparece a súa adestradora e outros vínculos que se van xerando. É pór enriba da mesa o cuestionamento que sofre o corpo da muller unha e outra vez cada vez que destaca, algo que non ocorre cos corpos ou as condicións físicas dos homes. E de feito outro dos temas que aborda a historia é o que estariamos dispostas a facer por conseguir unha medalla ou un triunfo profesional. Chegariamos a traizoar os nosos principios?

Asemade, outro dos aspectos que tamén salientou o Centro Dramático Galego, alén desta temática enmarcada no deporte feminino, é a presenza do folclore galego. Eu son do Barco de Valdeorras polo que tamén está presente o Entroido, o mundo ritual galego, as danzas brancas... De feito, os peliqueiros tamén son personaxes da obra de teatro.

—En que se baseou para recoller a documentación que sustenta a obra?
É unha documentación que non cesou nunca desde 2017 porque segue a haber casos nos que as mulleres non poden participar na categoría feminina e é algo que fago eu, mais tamén o resto do equipo. Eu son allea ao mundo do atletismo en concreto e do deporte en xeral, son artística ao 100%, mais a miña parella, Raúl Sánchez, é sociólogo do deporte e foi unha peza fundamental en todo isto. El ten un libro e fala das catro feridas do deporte moderno onde aborda a raza ou a clase social, mais tamén o xénero: como as mulleres sofren unha discriminación e como se vencella sempre o deporte ao masculino.

As mulleres que comezaban a facerse un oco no mundo do deporte eran miradas sempre de forma sospeitosa. Coa súa axuda chegamos a moitos documentais, artigos e libros doutras deportistas, activistas feminista e de dereitos Lgbtiqa+ que nos axudaron moito, por exemplo o libro Chandaleras, de Ana Pastor. Parece que sempre temos que pór o foco nestas cuestións cando hai algunha polémica, como a actual arredor da figura de Luis Rubiales, mais fóra dos medios xa se ven falando disto desde hai moito tempo, décadas. E máis aínda, parece que o deporte feminino só ten interese cando hai unha polémica detrás. Por iso, a min gústame reivindicar figuras femininas, coñecidas ou non, que puxeron o seu gran de area para chegar a unha igualdade real. Este texto era unha maneira de facelo sen pór o foco nunha atleta concreta.

Comentarios