'Fariña', en ocasións vexo series

Andrés Castro, o noso crítico de cinema de cabeceira, muda por unha vez a pantalla grande pola pequena e entréganos unha crítica da serie de moda.

Farinha
photo_camera Un plano da serie

Esta Semana Santa non houbo Fariña! Por riba de ter que aturar peche de bares, corte de rúas, procesións relixiosas con casposa cobertura en directo das televisións públicas (nun estado aconfesional), ministros e ministras cantando aquilo de “soy el novio de la muerte”, bandeirolos a media hasta pola morte de Xesús (sic) e programación televisiva infestada de filmes de romanos... por riba de todo iso... non houbo Fariña. Mandacarallo. Xa sei por que lle chaman semana de penitencia...

Recoñezo que son máis de pelis. En cuestión de series quedei no Equipo A, O coche fantástico, O gran heroe americano e Friends. Si, algo obsoleto... ou como din agora... vintage. Máis recentemente teño seguido (daquela maneira) as máis míticas: Como coñecín a túa nai, Modern Family ou Big Bang Theory, e xa coas plataformas streaming, papei Stranger Things, Xogo de Tronos, Midhunter e O conto da criada...

Pero o certo é que son máis de pelis. Así de primeiras dáme unha preguiza enorme poñerme a seguir unha serie.

Con Fariña pasoume algo parecido. Dábame preguiza. Pero o tema do secuestro da novela homónima de Nacho Carretero deume un motivo poderosísimo para darlle unha oportunidade. As profecías que Ray Bradbury apuntaba en Fahrenheit 451 estábanse facendo realidade... unha realidade moi pero que moi inquietante, sobre todo se a sumamos aos casos aberrantes de persecución de liberdade e expresión contra rapeiros, tuiteiras e titiriteiros.

'Fariña' dábame preguiza. Pero o tema do secuestro da novela homónima de Nacho Carretero deume un motivo poderosísimo para darlle unha oportunidade

Após o primeiro episodio aproveitaron a polémica (que os de Antena 3 son moi listos) e fixeron un programa especial baseado “no libro prohibido”. Trouxeron Carmen Avendaño, Baltasar Garzón, o xuíz Vázquez Taín, Nacho Carretero e o vilipendiado no asunto, e ex alcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar. Ademais da avogada “crea polémicas”, o máis gracioso de todo foi cando entrou en escena o ex alcalde. Non daba unha a dereitas (a pesar do seu ideal político). Sentíase vítima polas palabras que saen no libro, malia que afirmaba non telo lido. Tamén aseguraba que por el non se tiña que secuestrar o libro, que el, pobre, só quería que se lle restaurara o seu honor. O cumio da entrevista viu cando a presentadora lle pregunta pola condena que tivo por branqueo de capitais... Momento glorioso da televisión cando Gondar responde, en plan Umbral: “Eu só vin falar do tema Fariña”. Para escachar coa risa... se non fose un tema tan indignante. Porque non nos enganemos, o problema non é de xente coma Bea Gondar, que haina a moreas, o problema está nun sistema xudicial capaz de admitir a trámite querelas contra a liberdade de expresión, xa sexa a través de libros, chíos, opinións políticas ou cancións. Fascismo is coming (?).

En fin, vaiamos ao quid da cuestión que eu vin aquí para falar de Fariña, a serie... Por se, a estas alturas do campionato, alguén non sabe de que vai, dicir que narra a historia do nacemento do narcotráfico en Galiza. Preséntasenos as principais familias que controlaban o tráfico nas Rías Baixas: os Charlín, os Oubiña e os Bustelo. Todos eles fan contrabando de tabaco baixo a supervisión do patriarca Terito (Manuel Lourenzo). Todo semella ir sobre rodas. A policía, a garda civil, os políticos, os xuíces... todos fan a vista gorda. Mais o negocio dá un xiro cando entra en acción un ambicioso xoven chamado Sito Miñanco (Javier Rey). Decátase que se poden gañar moitos máis cartos coa droga, pero meterse nese terreo son palabras maiores. Xa non é unha falta, coma o tabaco, andar na droga é delito penal. Pese as advertencias de Terito, comezará un periplo cara ao narcotráfico de cocaína e tamén comezará a caza do detective Castro (Tristán Ulloa), un tipo adusto e teimudo que leva tempo querendo metelos a todos na cadea.

A serie está dividida en dez episodios dos que, a data de hoxe, se emitiron catro. O quinto pospúxose, como xa dixen, por mor da Semana Santa. Cada capítulo leva o título dun ano. O primeiro titúlase “1981”, o segundo “1982”, e así sucesivamente. Aínda que está producida por Antena 3, a serie ten alma galega, e non só polas localizacións. Está coproducida por Bambú Producións, dirixida polo coruñés Carlos Sedes, con equipo técnico e artístico da Galiza e un elenco tamén eminentemente galego.

A historia céntrase en Sito Miñanco interpretado por un xenial Javier Rey (O final do camiño). Os outros capos teñen as facianas de Carlos Blanco (Dhogs) como Laureano Oubiña, o carismático Manuel Lourenzo (Vilamor) ponse na pel de Terito, Alfonso Agra na de Bustelo, e o enorme Antonio Durán ‘Morris’ (A Esmorga) na do patriarca dos Charlín, un auténtico rouba-escenas cando se pon en plan Joe Pesci de malahostia cos seus fillos, interpretados por Xosé Antonio Touriñán (Os fenómenos) e Xulio Abonjo (Somos xente honrada)... sobre todo co pobre Abonjo, que non para de chupar hostias a man aberta. Tristán Ulloa (Lucía e o sexo), Marta Larralde (O ouro do tempo), Tamar Novas (A lingua das bolboretas), Isabel Naveira (18 comidas), Monti Castiñeiras (Sicixia), Eva Fernández (Pratos combinados), Celso Bugallo (Mar adentro), Luisa Merelas (Lobos sucios), Iván Marcos (As altas presións) e un longuísimo etcétera de grandes actores e actrices completan un elenco insuperábel.

A banda sonora tamén é brutal. Cada episodio está aderezado con grandes éxitos de onte e hoxe: Herdeiros da Crus, Siniestro Total, Korosi Dansas, Guadi Galego ou Os Resentidos... De feito asomoume a lagrimiña cando soou a de “Galicia Caníbal”. Pero a canción que o está a petar, e que dá comezo a cada capítulo, é a de Iván Ferreiro. Número un en todas as playlist de música. Todo un himno. Quen non cantaruxou xa aquilo de “o que teño que facer, pra non ter que ir ao mar”?

Todo está xenial en Fariña. Dirección, reparto, localizacións, banda sonora, fotografía, guión, efectos especiais... Todo... Todo?... pois ben... “case” todo. Meu pai! Agárrense que veñen curvas...

A dirección e a fotografía son impecábeis agás nunha pequena cousa. Coido que hai unha utilización abusiva dos flares de luz. Si, ese efecto óptico feito con luceciñas transversais que ocupan toda a pantalla e que tanto me molestan nos filmes de J.J. Abrams... E se me molestan nos filmes de J.J. Abrams pois, malia que me pese, tamén me molestan en Fariña. Ese efecto, tan de moda nos vídeos musicais, pódese aturar cando comunica algo ou ten un efecto dramático na escena. Pero meter por meter... pois como que non.

'Fariña' está rodada en castrapo, así que no fondo o de “meu pai” pasa un pouco desapercibido entre tanta “castrapada”. Resulta moi curioso que unha serie da calidade de 'Fariña' non estea feita en galego

Outro punto que ranxe bastante é o de “meu pai”. Unha expresión metida con calzador cada dous por tres pero que custa un mundo que non rechíe nos ouvidos. Pero, claro, Fariña está rodada en castrapo, así que no fondo o de “meu pai” pasa un pouco desapercibido entre tanta “castrapada”. Resulta moi curioso que unha serie da calidade de Fariña non estea feita en galego. Seica seguimos na teima en pensar que para triunfar fóra hai que rodar en castelán. Erro!! Hai exemplos máis que de sobra no audiovisual galego que demostran que o idioma propio do país non é óbice para triunfar onde faga falla.

No cinema parece que vamos superando esta barreira mental con éxitos coma os de A Esmorga (con catro galardóns no Festival de Toulouse), Dhogs (con trece Mestre Mateo), Arraianos (premiada no Festival de Cinema Europeo de Sevilla) ou, de próxima estrea, A estación violenta (de Anxos Fazáns), Aquilo que arde (de Óliver Laxe) e as que virán que isto non acaba máis que comezar. Falta agora dar o paso tamén nas series. A serie Merlí mostrou un pouco camiño. É unha serie catalá, rodada en catalá que logrou que se exportara fóra do seu país. O único que tiveron que facer é dobrala ao castelán e, coas plataformas streaming, subtitulala no idioma que se queira. Algo parecido se podía facer na Galiza. Rodar na nosa lingua produtos de calidade como o de Fariña e logo, se queren, que traduzan ou subtitulen. Así de doado e así de natural debería de ser. Non sei se é porque lle teño cariño á serie ou simplemente é un desexo, pero me gusta imaxinar que o que está facendo Fariña é dar un pequeno paso nesta dirección.

Comentarios