Contracultura

Fani Triana: "Se no mundo do ilusionismo non hai mulleres é porque non se lles dá acceso"

Fani Triana, máis coñecida como a Maga Fani, é unha ilusionista que forma parte da 'Asesoría Máxica das Ideas' e en cuxas actuacións está sempre moi presente o tema da igualdade de xénero. A través dos seus espectáculos, a Maga Fani busca rachar co preestabelecido e, como ela mesma di, "conectar o máximo posíbel co público" pois sen conexión non hai arte. Triana refírese á importancia de tratar o tema da desigualdade en calquera tipo de actuación e considera fundamental non deixar de ser nunca unha mesma.
Fani Triana, máis coñecida como a Maga Fani, fai maxia desde a igualdade. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fani Triana, máis coñecida como a Maga Fani, fai maxia desde a igualdade. (Foto: Nós Diario)

—O mundo da maxia está moi masculinizado. Cando comeza a interesarse por el?
Na arte, desde pequena. No mundo da maxia, entrei anos despois, ao coñecer un mago que me axudou a abrirme camiño. É unha mágoa pero a nivel profesional hai moi poucas magas. Estar enriba dun escenario é unha forma de comunicación, polo que saber comunicar é fundamental. Coido que ese é o meu forte, sempre busco transmitir. Dependendo do momento pódese transmitir unha emoción ou outra, o importante é que se xere unha conexión e que o público o pase ben. Sen esa conexión, non habería actuación nin arte.

—A igualdade de xénero é un elemento presente en todos os seus espectáculos.
Penso que calquera muller que teña certa consideración crítica coa sociedade e co contexto que a rodea debe ter claro que o mundo é desigual. Eu desde pequena comprendín que me pasaban cousas que, de ser home, nunca me pasarían. Cheguei a comprender que existe unha desigualdade perceptíbel mesmo no día a día. Cómpre rachar con todo isto. Eu traballei en moitos sectores diferentes e sempre atopei unha enorme desigualdade, mais no mundo das artes é terríbel. Concretamente, na arte do ilusionismo, asombroume de maneira negativa comprobar que se non hai mulleres é porque non se lles dá acceso.

Cando comecei a interesarme pola maxia e ver que tiña facilidade para o ilusionismo, o único que atopei ao meu redor foron impedimentos. A día de hoxe podo dicir, con orgullo e tristeza, que se eu non tivese a esa persoa próxima que me abrise camiño na maxia, non sería capaz de traballar e vivir desta arte. Cando unha muller tenta acceder ao mundo da maxia, comproba que se fechan todas as portas, mesmo na Galiza que conta cun circuíto público e cunha traxectoria que non existe noutros lugares. Pero é un mundo para homes.

—E de que maneira aplica a perspectiva de xénero nas súas actuacións?
Decateime de que a través da maxia poden contarse moitas cousas. É un tipo de espectáculo no que a xente espera ilusionada e está aberta a escoitar o que se lle conte. Son eses momentos nos que se pode comunicar. A desigualdade de xénero é un tema que nos afecta a toda a sociedade, aos homes tamén, e debe explicarse desde a maxia ou desde calquera contexto.

No ilusionismo, pode suceder que non guste un xogo de maxia concreto quizais por como se presentou ou polo que se dixo, mais, se o fai outra persoa, pode chegar a encantar. Neste sentido, as artes son moi flexíbeis, o que resulta algo positivo. Non consiste só en facer un truco, senón en todo o que o acompaña, por iso é posíbel falar de igualdade ou de calquera tema no ilusionismo. É moi importante o que se transmite nun escenario, temos que ser conscientes de que o que dicimos chega a toda a xente que nos está a escoitar.

—Que considera que é o máis importante a ter en conta como artista?
Ser unha mesma. É imposíbel realizar un traballo de verdade, desde o corazón, se non se é unha mesma. Non podemos traizoarnos. Vale a pena rexeitar certos traballos para defender o que unha cre. É moi duro, o mundo das artes é complicado, ás veces temos que facer cousas que non nos gustan, pero como en calquera traballo.

Tamén considero importante, principalmente no caso das mulleres, non vernos illadas, non sentirnos soas. Hai moitas mulleres que, aínda que eu non as coñeza, están desexando que triunfe e abra camiño. No final de curso actuei nun instituto a petición dun grupo de alumnas que querían que fose eu porque nunca viran unha maga. Ás veces, pasa o tempo sen ver resultados, pero actuacións como aquela compensan todo o traballo.

Comentarios