Falece Carlos do Carmo, rei do fado e lenda da música portuguesa

O seu pasamento tivo lugar en Lisboa aos 81 anos
Carlos Do Carmo, durante a súa actuación en Eurovisión '76. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Carlos Do Carmo, durante a súa actuación en Eurovisión '76. (Foto: Nós Diario).

Adeus a un dos grandes nomes da música portuguesa, Carlos do Carmo. O cantante de 81 anos faleceu tras ingresar no hospital Santa María de Lisboa por un aneurisma, noticia confirmada pouco despois do seu ingreso aos medios lusos pola familia dun artista que estivo en activo até o pasado ano 2019, deixando atrás case seis décadas sobre os escenarios.

Do Carmo, nado en 1939, levaba o fado no sangue, pois era o fillo da fadista Lucília do Carmo. Co tempo triunfou no mesmo xénero que a súa nai, tornando nun dos maiores expoñentes do mesmo dentro e fóra de Portugal, até o punto de que o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, manifestou o sentimento "de perda dun gran home e dunha gran figura da cultura".

Aínda que se centrou neste estilo tradicional portugués, tampouco escapou a influencias do jazz ou da música francesa, sendo pioneiro en incorporar a orquestra ao fado, que até aquel entón era habitualmente interpretado por un trío ou cuarteto de guitarra. Por todo isto chegou a ser considerado como o máis grande  fadista masculino da súa xeración, así como por ser o home que fixo posíbel a transición do fado tradicional ao 'novo fado' na década dos 90.

Internacionalmente, o seu momento de maior relevancia chegou en 1976, cando representou Portugal en Eurovisión logo de gañar unha edición do Festival dá Cançao onde só participou el por designación interna da RTP. Con 'Uma Flor de Verde Pinho', peza baseada nun poema de Manuel Alegre, alcanzou a décimo segunda posición nun certame no que, por aquel entón, participaban 18 países. Os 24 puntos que obtivo chegaron da man dos xurados francés (12), luxemburgués (6), grego (4), finés (1) e italiano (1).

Multipremiado

Ao longo da súa extensa traxectoria profesional cantou xunto a grandes nomes como Caetano Veloso, Mariza ou Camané, estando este último considerado como o seu sucesor no trono do fado masculino. 

Nos últimos anos foi galardoado co Grammy Latino á excelencia musical, ademais de recibir distincións en medio mundo polo seu traballo como fadista, brillando en recintos míticos como o Olympia de París, o Royal Albert Hall de Londres ou o  Carnegie Hall de Nova York, entre outros.

Comentarios