Falece aos 83 anos Aurichu Pereira, referente da pintura galega

A pintora compostelá, que comezou a exercitarse na arte, da man de Carlos Maside, faleceu na cuarta feira, 1 de novembro, aos 83 anos de idade.

A pintora Aurichu Pereira, en 2011.
photo_camera A pintora Aurichu Pereira, en 2011.

A artista compostelá Aurichu Pereira, nada o 15 de xaneiro de 1940, faleceu esta cuarta feira, 1 de novembro. Referente da pintura galega, iniciouse no debuxo cara a 1956, baixo a tutela de Carlos Maside e, na década dos sesenta, achegouse ao movemento plástico de gravado da Estampa Galega, facendo parte de diversas mostras de carácter colectivo. Nunha entrevista en 2011 apuntaba a Maside como un dos seus principais referentes, ao igual que Seoane e Colmeiro.

O retorno de Maside a Compostela

A súa impronta provocou que Luís Seoane se interesase pola súa obra, até o punto de lle patrocinar unha exposición. Precisamente, Seoane e Reimundo Patiño promoveran en 1973 a mostra de Xóvenes Artistas Galegos, baixo o auspicio do Concello da Coruña, que comprou unha das obras de Aurichu Pereira nese certame. Hoxe en día a peza pertence ao patrimonio artístico do Concello.

A mediados de 1975, comezou no deseño de roupa e accesorios para a súa propia loxa. Unha actividade que non lle impediu participar en mostras como a VIII exposición de pintura, debuxo e gravado con motivo do centenario da Caixa de Aforros Municipal de Vigo.

Beiras e Aurichu, en París, en 1988 [Imaxe: Fundación Otero Pedraio]
Beiras e Aurichu, en París, en 1988 [Imaxe: Fundación Otero Pedraio]

Unha das mostras con maior suceso de Aurichu Pereira foi a apadriñada polo escultor Silverio Rivas e polo pintor Xosé Luis de Dios na Galería Sargadelos de Compostela, en 2004. Un ano máis tarde, expuña na ourensá Voltaire e en 2006, na tudense Medulio. Ademais, en 2007 acolleu a súa obra o Club Financeiro de Vigo, ao igual que en 2009 o Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, en 2011 o Centro Cultural da Deputación de Ourense, con “Meu Courel Imaxinario”, en 2012 na galería Citania.

A “A flor de pel”, “Mulleres x Mulleres” e “Arte e solidariedade” foron algunhas das mostras colectivas das que participou.

Asociacionismo cultural

Aurichu Pereira tamén desenvolveu unha intensa actividade no asociacionismo cultural de base, até o punto de facer parte da fundación da Agrupación Cultural O Galo, de Compostela. Parte desa faceta recóllese no libro Asociacionismo cultural en Galiza (1961-1975), onde se percorre a actividade cultural nos quince últimos anos da ditadura.

A pintora é filla dos mestres María Carballo e Xesús Pereira, quen foi represaliado polo franquismo e que educou, entre outros, o político e intelectual Xosé Manuel Beiras - quen lle dedicou un capítulo no seu libro de retratos editado por Laiovento- e o xurista e escritor Gonzalo Mourullo. Precisamente, Aurichu Pereira era a parella sentimental de Beiras desde os anos oitenta, tras separarse do escritor Salvador García Bodaño.

Beiras, Aurichu e Pisarello (Imaxe: @G_Pisarello)
Beiras, Aurichu e Pisarello en xullo de 2020 (Imaxe: @G_Pisarello)

Comentarios