Entrevista recuperada polo pasamento do pintor

Xulio Maside: “Meu tío Carlos Maside non quería que eu fose pintor. El pasounas canutas”

É difícil comprender a pintura galega da segunda metade do século XX sen Xulio Maside (Vigo, 1933). Médico anestesista de profesión, pintor figurativo con tendencia expresionista e pegada do cubismo, sobriño de Carlos Maside, foi ademais activista cultural de relevo. Participou, en 1961, na fundación da asociación compostelá O Galo. E nas décadas de 70 e 80, presidiu a Asociación Galega de Artistas Plásticos. Nesta conversa rexistrada no seu piso do Ensache de Santiago participan tamén a profesora e crítica María Antonia Pérez e a súa compañeira e biógrafa María Esther Rodríguez. Eis un extracto da entrevista, publicada no número 294 de Sermos Galiza.

maside
photo_camera [Imaxe: Laura R. Cuba] Xulio Maside

Por que comezou a pintar?

Eu pinto desde os cinco anos, que recorde. Na Estrada. Porque eu vivín unha tempada na Estrada. Recordo que na escola o profesor me puña nunha mesa á parte, porque en vez de atender ás explicacións, debuxaba. E era moi inquieto. Debuxar e logo pintar éme natural.

[María Esther Rodríguez] Di moitas veces que naceu pintor.

Esa é unha frase para os xornalistas. “Nacín pintor pero logo estudei Medicina”. Por que? Por imposición do meu tío Carlos Maside, que non quería que fose pintor. Porque el pasounas canutas, como todos os pintores. E segue sendo así. Hai algúns que non: Picasso, por exemplo [ri]. Pero eu estudei Medicina e seguín pintando. Pasei unha etapa no servizo militar en Madrid. Eu ía moito a unha vila de Castela, Arganda del Rey, porque había un grupo de galegos pintores e artistas. Quedaba alí unha semana. Impresionoume a paisaxe castelá e empecei a pintala. Logo volvín a Santiago e non lembro en que ano exactamente fxen unha mostra no Hostal...

[MER]. 1961.

Porque víronmas uns médicos de Santiago amigos e animáronme. Un deles era
Fernández Albor.

[María Antonia Pérez]. Quen eran os pintores galegos de Arganda?

Jesús Caulón, que aínda non morreu. Fomos moi amigos. Un tío moi estraño. Tiven a sorte en Madrid de caer nunha pensión en que practicamente todos eran artistas: de teatro, músicos e sobre todo pintores. Entre eles Caulón. Era a pensión Aguado, no número 16 da Gran Vía, fronte a Telefónica. Outro que vivía na pensión era Rafael Taibo, un locutor da Ser que logo foi o que natelevisión relataba os concertos de grandes orquestras. Tiña unha voz maxestosa: “En estos momentos la orquesta se dispone...”. Unha voz que non era como a miña, senón marabillosa.

Quen foron os seus primeiros mestres?

Home, o meu primeiro mestre foi meu pai. Que non foi pintor. Nós fomos á Estrada por razóns da súa saúde. Alí morreu moi novo. Debuxaba moi ben. Era executivo
da empresa Fraga, a man dereita de Fraga, non Iribarne [ri]. De Isaac Fraga. Apoderado de toda a súa empresa. E por iso fomos a Madrid. Pero enfermou do peito e viñemos para A Estrada. Meu irmán e mais eu viñemos para Santiago aos nove anos, á casa da nai de Carlos Maside e de Maruja Maside. Na rúa do Vilar, 42, onde viviu e morreu Carlos Maside, xusto fronte ao Casino. Unha casa inmensa. Estudamos o bacharelato no instituto Xelmírez con grandes profesores. Carlos Maside facía de pai, quería facer de pai, pero non sabía. Tiña un carácter moi severo, aínda que no fondo era un bendito. Dicía: “Pintor? Diso nada! Estuda o
que queiras”. E eu: “Arquitectura”. “Pero hai que ir a Madrid e iso custa moito diñeiro”, retrucaba. “Pois daquela estudo Medicina”. “Pois estuda Medicina”. O que me veu fenomenal, porque me encantou a medicina. Traballei de médico no Hospital Xeral de Galiza e pola tarde e pola noite pintaba. Entón uns médicos amigos viron as miñas acuarelas e fxen unha pequena exposición na libraría  Carballal da rúa do Vilar, que xa non existe. O libreiro puxo unhas cantas no escaparate e ao día seguinte vendéraas todas. Iso animoume a facer as dúas actividades.

Falaba de que o seu pai foi o primeiro mestre pintor que tivo...

Home, pero o meu primeiro mestre foi Carlos Maside, evidentemente. Era un debuxante marabilloso. Cando viu que eu pintaba dicíame: “non, non fagas iso. Estuda”.

E os primeiros pintores que admirou?

A pintura castelá. Entón había grandes pintores. Os paisaxistas casteláns. Logo a pintura tradicional. O pintor que admirei desde o principio foi Van Gogh. A pintura francesa. Logo coñecín a pintura rusa, e como Maside tiña moitos libros, eu mirábaos e el explicaba: “Mira, isto é o expresionismo, aquí está o abstracto...”.

No 61 fai a súa primeira exposición no Hostal. Como era ser pintor moderno no Santiago daqueles anos?

Moi ben. Xa che dixen antes que eu fixera unha exposición de acuarelas e vendín todo. Moitos compraron supoño que porque era amigo, pero vendín todo. Animoume moito. Logo desa fase inicial fun a Barcelona facer a especialidade médica. Entrei nun marabilloso taller de gravado. Fixen gravado e tamén litografías.

Nun tempo escuro e censurado, como se informaban das tendencias contemporáneas da pintura? 

Maside estaba subscrito a vinte mil, a toda canta revista interesante había en París ou en Alemaña. Tiña, e agora teño eu, unha gran biblioteca. Estando xa afncado en Galiza, coñecín pintores que non tiñan nada que envexar os casteláns, ou os cataláns. Por exemplo Abelenda, ou Grandío, grande amigo meu, a quen coñecín en Madrid. E logo en Madrid tamén había un crítico de arte, Ramón Faraldo, de Lugo. Reuniámonos no Café Gijón, con Laxeiro, Faraldo, Grandío... É curioso, porque na miña estadía en Madrid apenas pintei. Debuxaba. Por que? Porque da xeración de Maside. Pero si con Arturo Souto. Veu, para estar perto de Galiza, a Portugal.

[MAP]. Mais en Barcelona que  pintura, que exposicións viu?

En Barcelona ía a todas as galerías. Estaba como médico en Sant Pau e pola tarde baixaba ás Ramblas, ao Centro Galego e sobre todo ás galerías. Facía litografías. Nun taller que descubrín. Collía unha pedra para a litografía o dobre de grande que esta bandexa. E sen nunca ter feito litografía facía o debuxo e xa pasaba á impresión. O ácido, isto, o outro. E o profesor dicía: “Vostede como pinta directamente? Aquí todos fan primeiro un debuxo previo”.

[MAP]. Pero dos pintores que coñeceu en Barcelona, cal é o que máis lle impresionou?

O grupo informalista, o de Tàpies. Eu non o entendía moi ben. Pero a base de falar coa xente aprendín a mirar a pintura informalista. Comprendín o que signifcaba. A pintura ate entón era a paisaxe, o retrato, a pintura imaxinativa pero representativa. O informalismo é a mesma pintura representativa pero das cousas que non estabamos afeitos a mirar e aprezar. Por exemplo, o paso do tempo sobre unha porta. Ou unha parede. Unha pedra. Unha madeira. Como poden ser obxecto de atención? Porque eran unha maneira distinta de ver.

En Santiago, nos 60, tiñan noticia da pintura galega anterior á Guerra Civil? 

Si, por Carlos Maside.

E contacto cos pintores exiliados? 

Pola nosa idade non tivemos amigos exiliados. Era máis a xente da xeración de Maside. Pero si con Arturo Souto. Veu, para estar perto de Galiza, a Portugal.

[MAP]. No ano 63 Souto veu a Galiza.

Eu refírome a antes. Teño idea de que estivo en Portugal. Ou Colmeiro, que estivo en París. Os de América. De Seoane tiñamos noticia directa, porque mantiña correspondencia con Maside. Mandaba información da pintura arxentina, sudamericana, mundial, recibíaa Maside e Maside falaba connosco.

E que pensaban da obra dos exiliados? 

Souto segue encantándome.

[MAP]. Con Colmeiro, que pasaba meses en Silleda, tiñan relación?

Eu fun a Silleda, non era Silledaexactamente, onde vivía. Fun velo. Pero non me gustaba demasiado. Non era bo debuxante. Do grupo dos renovadores, desde logo Maside e logo Souto. E logo veu a xeración seguinte, Seoane, claro.

Cando volve de Barcelona a Compostela, como infuía a situación política no ambiente artístico?

Estabamos nunha etapa dura. Traballaba no hospital, onde o pasei de marabilla. Tiven compañeiros bárbaros. Eu, anestesista, debuxaba dentro do propio quirófano. Con betadine, que é unha substancia desinfectante, daba cor. Tiña operacións moi longas e daquela non había substitutos. A operación máis longa da miña vida empezou ás oito e pico da mañá e acabou ás once da noite. Eran os tempos do Gran Ditador, que carallo de ambiente ía haber. Tiñamos un grupo de amigos no Café Español, unha peña de intelectuais, onde ían Maside, Piñeiro, Otero Pedraio... Que daba uns discursos marabillosos. E dicía unha frase que me quedou gravada: “Eu, que son un home do século XIX”.

[MER]. É cando fundades O Galo? 

Morto Maside, herdei o seu estudio na rúa do Vilar, 42, 2o. Viñan amigos como Ventura Cores, como Salvador García Bodaño, como Mario Orxales. Salvador e eu tiñamos inquedanzas e iamos moitos á mesa camilla, como lle chamaban ás tertulias con don Ramón Piñeiro en Xelmírez, 15. Pensamos: “Son moitas as directrices de Piñeiro, que xa non somos nenos. Por que non facemos unha asociación cultural?” E nisto apareceron Ventura Cores, Salvador García, Bodaño e Mario Orxales. Decidimos montar unha asociación cultural que voase por si mesma. E decidimos poñerlle o nome do Galo.

[MER]. A idea do nome foi de Aurichu [Pereira]

Fixemos unha grande exposición no Hostal ondedecidimos prescindir dos
devanceiros, Maside incluído, e de Colmeiro e de todos os pintores anteriores de certa idade. Vinte Pintores Galegos. Trouxemos pintores moi bos pero que eran descoñecidos. Sobre todo en Santiago. Había pintores da Coruña, de Lugo, de Ourense e de Vigo que non se coñecían entre si. E, desde logo, a xente, non sabía deles. Trouxemos á inauguración a don Vicente Risco, un home cunha biografía moi fastidiada. Tamén trouxemos unha cantante galega que estaba en Barcelona, unha soprano. Non lembro como se chamaba. Esa mostra valeu para relacionármonos. Nós de Ourense non sabiamos que había pintores, e resulta que eran Quessada, Virxilio, De Dios... E de Vigo, Pesqueira, Pérez Bellas...

[MER]. Nese intre aparece Óscar Refoxo. 

Porque, coa exposición, tivemos problemas co Goberno Civil. Ameazounos cunha multa de 25.000 pesetas, unha fortuna.

Por que?

Porque puñamos as cousas en galego. Puxémonos en contacto cun avogado por medo a ter que pagar. Ese avogado chamábase Óscar Fernández Refoxo, veciño meu na rúa do Vilar. E que eu non tiña nin idea de que podía ter esas inquedanzas. Logo foi presidente do Galo e morreu sendo presidente.

Participaba na política clandestina?

Reuniámonos nun bar, nunha cafetería, que aínda existe, O Gaiola. E alí tiñamos reunións arriba e logo nunha especie de cova que non sei se aínda existe, onde faciamos as reunións clandestinas. Alí coñecín eu a Méndez Ferrín, viña Abelenda
que estudaba en Santiago...

[MER] Non, Xulio. Alí estabas con Baena, o de Vigo, que despois mataron. Con Foz, que naquel momento era prochinés.

Ían digamos que os anti réxime.

Comentarios