A loita por Galiza de Fernando Ruis de Castro

O sábado 30 de decembro, coincidindo co derradeiro número deste ano, Nós Diario, agasalla as lectoras e lectores da edición en papel do xornal unha biografía de Fernando Ruis de Castro da autoría do ensaísta e historiador Francisco Rodríguez Sánchez. A obra fai parte da colección 'Biografías esenciais do Reino da Galiza'.

Francisco Rodríguez (Foto: Arxina)
photo_camera Francisco Rodríguez. (Foto: Arxina)

O ensaísta e historiador Francisco Rodríguez Sánchez é un fondo coñecedor da biografía e do tempo político de Fernando Ruis de Castro. A esta cuestión tenlle dedicado dous voluminosos traballos titulados Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I e mais Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo II: Un reino con clase dirixente. Os libros, publicados á volta de 2022, non só introducen novas chaves para interpretar a historia do Reino da Galiza senón que achegan distintas bases para explicar o feito nacional galego.

O século XIV é chave para comprender a situación presente da Galiza. Neste período, desenvólvense tres mudanzas de suma importancia que van condicionar toda a historia do país até hoxe. A primeira delas é a desaparición dunha clase dirixente coesa, capaz de dirixir o conxunto ou a maioría da sociedade galega. A segunda, como consecuencia da anterior, levou o Reino da Galiza a deixar de ter estratexia propia, ben marcada, con obxectivos claros e a lingua galega deixou de ser exclusiva na sociedade galega. A terceira delas cambiou un modelo económico-social moi avanzado para a época que se xestaba na Galiza, entrando nun funil de retroceso.

A loita de Fernando Ruis

Fernando Ruis de Castro. Estratexia e rebeldía galega no século XIV, o libro de Rodríguez que Nós Diario agasalla o sábado 30 de decembro, percorre a historia da liñaxe dos Castro, para contextualizar e explicar o seu papel dirixente no Reino da Galiza durante varias centurias.

Os xenealoxistas máis reputados e fiábeis do Estado sitúan o iniciador desta liñaxe, Fernán García, como herdeiro do monarca galego García I. Así, téñense manifestado investigadores como Reilly, Crespo del Pozo, Sánchez-Pagín ou a leonesa Margarita Torres Sevilla, que non dubida en afirmar que “mantemos como proxenitor da liñaxe obxecto do estudo [Os Castro] a Fernando, fillo do rei da Galiza Don García, primo irmán por tanto, de Dona Urraca”.

Rodríguez ten destacado dos Castro que “até o século XIV compórtanse con criterios dunha grande coherencia”. A este respecto, desvela que “actúan como señores da Galiza, dentro dunha orientación non anti-musulmá, con evocación da independencia do reino e da unidade con Portugal, e sendo conscientes de onde viñan”. Neste punto, sinala o caso do avó de Fernando Ruis de Castro, que morreu loitando contra os casteláns ás portas de Monforte, que “era consciente de que viñan de fóra, mais consideraba a liñaxe integrada, representativa, galego-falante, e defendía a independencia do reino da Galiza”.

“Fernando, ou Fernán, é un home carismático e con gran capacidade de aglutinar”, afirma Rodríguez, quen indica que “representa o líder indiscutíbel da Galiza nun contexto moi conflitivo e decisivo, que considero tamén estelar e responde á conduta e moral da saga familiar á que pertence, unha liñaxe que se considera, a falta de monarquía propia, no deber de representar o reino”.

Neste sentido, o autor asegura que “esta tendencia, que é notoria nos seus antergos, faise nel un deber inescusábel nesta situación conflitiva. Ademais, representa a asunción dun pacto social entre a nobreza e a burguesía que lle dá ao movemento que el encabeza unha dimensión nacional”.

A revolución do XIV

A revolución galega do século XIV, que tivo en Fernando Ruis de Castro a súa principal figura, exemplifica a aposta das clases dirixentes galegas por seguir desenvolvendo as potencialidades nacionais do país fronte ao hexemonismo castelán que tentaba anulalas. O movemento respondía á vontade de tronzar a dependencia do país dunha Castela hexemónica na área peninsular que aspira a reforzar o seu dominio mediante a conquista dos outros reinos. Os sucesos da segunda metade do século XIV son a expresión dun movemento de carácter nacional popular que se alonga desde 1357 até 1386 e que só pode ser derrotada pola acción violenta de forzas alleas a Galiza.

A investigación de Rodríguez destaca que “a figura de Fernando Ruis de Castro temos que inserila, pois, nunha etapa histórica en que o reino da Galiza mantiña viva e operativa unha aspiración estratéxica propia, como expresión de protonación con poder político autónomo e vontade de existir, definindo os seus intereses colectivos e defendéndoos”. Neste camiño, representou “a defensa dunha estratexia galega no contexto peninsular conflitivo do seu tempo e expresou a resistencia e a rebeldía de boa parte do pobo galego nunha conxuntura crítica”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios