'Personaxes da Galiza Medieval': así foi o camiño da Gallaecia ao Reino da Galiza

O segundo volume de Personaxes da Galiza Medieval, editado pola Agrupación Cultural O Galo de Compostela, coa axuda da área de Cultura da Deputación da Coruña, aproxímase á historia do reino da Galiza a través das biografías dalgúns dos seus personaxes máis senlleiros, ofrecendo unha visión daquel espazo político que evita as deturpacións ás que foi sometido o estudo deste período e que mostra a relevancia do reino como unha realidade política potente cunha dinámica interna e unha proxección exterior que non se reflicte nos manuais de historia.

Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Terra de Melide), onde están soterrados varios membros da familia Froilaz-Trava, e a capa do libro.
photo_camera Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Terra de Melide), onde están soterrados varios membros da familia Froilaz-Trava, e a capa do libro.

“Para os que, coma min, levamos case cincuenta anos estudando a Idade Media na península Ibérica, segue sorprendendo o pouco que se fala do reino da Galiza e da súa importancia neste período", afirma, contundente, o investigador Manuel Carriedo Tejedo, un dos autores que participa no segundo volume de Personaxes da Galiza Medieval, editado pola Agrupación Cultural O Galo de Compostela, coa axuda da área de Cultura da Deputación da Coruña. "No noroeste ibérico, durante o período altomedieval, existe un só reino que perdura no tempo. Porén, cada territorio ten unha visión diferente sobre a súa existencia: uns falan de reino de Asturias, outros de reino de León, para os cataláns todo é Castela... Pero o que existe aí é unha entidade que procede da Gallaecia, que abranguía os territorios que hoxe son a Galiza, Asturias, León, Zamora e o norte de Portugal até o Douro. E se non se entende esa realidade, non se pode entender a historia medieval da península".  

No volume editado polo Galo, Carriedo escribe un capítulo dedicado a Doña Sancha, a muller do rei Fernando I, que en palabras do autor, "é o último rei da Gallaecia, xa que divide o antigo territorio nos reinos de Castela -até entón un condado-, León e Galiza. Dalgunha maneira, esnaquiza o que era unha unidade, mais tamén dálle protagonismo á Galiza, que era o núcleo esencial da antiga Gallaecia. Lamentabelmente, a historiografía non lle prestou á Galiza a atención que se lle debe pola importancia que tivo a nobreza galega, a estrutura eclesiástica que articulaba o reino... En realidade nunca existiu un reino de Asturias, e o reino de León aparece moito máis tarde. Todo era un mesmo espazo político no que se colocaba a capital en Oviedo ou en León, dependendo da época, por razóns estratéxicas. Pero a Galiza era o centro vertebrador desa entidade".

O profesor e investigador Francisco Rodríguez matiza que esa falta de interese da historiografía oficial débese "á vontade de observar o pasado co obxectivo de consolidar a visión presente dun Estado español unitario, centralista e de nación única. Así, desfigurouse gravemente a realidade histórica  en detrimento da Galiza". Tanto Carriedo como Rodríguez coinciden en que nos estudos contidos neste volume se pode comprobar que a clase dirixente desa Gallaecia nuclear -é dicir, a Galiza- "era a que tiña a maior capacidade de decisión sobre a evolución política do reino, máis tamén un gran potencial para intervir no espazo peninsular externo", di Carriedo.

Malia os múltiples cambios políticos que se van dando a través dos séculos, existe unha estratexia coherente por parte da clase dirixente do reino, consciente de estar actuando desde unha perspectiva galega que defende uns intereses concretos", engade Francisco Rodríguez. 

Unha tradición rabuda

O doutor e profesor de Historia Medieval na Universidade de Santiago Xosé Miguel Andrade Cernadas concorda en que a Gallaecia é unha entidade conceptual e xeográfica que permanece no tempo, mais matiza que politicamente, "hai que falar dun reino da Galiza que existe de maneira independente ou asociada dependendo das circunstancias históricas".

Andrade Cernadas dedica o seu capítulo no libro a Afonso Soares de Deza, unha figura que non pertence á aristocracia de primeiro nivel mais que "ten un relevo político que o sitúa na primeira liña. Dalgunha maneira é un representante dese espírito rebelde -ou deberiamos dicir rabudo- que se subleva ante o poder da nobreza e do clero tentando darlle máis autoridade aos burgueses, aos habitantes das cidades. Ante a imaxe dunha Galiza submisa ante o poder, é importante subliñar que, na Idade Media, esa predisposición ao conflito cos poderosos ou cos poderes que véñen de fóra e unha constante que se pode ver nas revoltas de Ourense ou Lugo, nas revoltas contra Xelmírez ou no movemento Irmandiño, que apenas ten parangón en ningunha parte de Europa".

En realidade, o obxectivo é utilizar biografías de figuras senlleiras para, a partir delas, explicar movementos políticos e sociais que atravesaron a historia do Reino e que, en conxunto, dan un debuxo elocuente da súa relevancia no decorrer dos séculos.

Rodríguez pon como exemplo a gran diferenza -que se pode advertir nestas biografías- "entre o que sucede nos séculos XI, XII e XIII, tras a partición do reino por parte de Fernando I, nos que a nobreza galega mantén unha posición de forza que domina a monarquía, e o que ocorre a partir do século XIV, no que xa se comeza a advertir a presenza de instrumentos políticos foráneos que loitan por facerse cunha ferramenta tan poderosa como o arcebispado de Compostela que, ademais, era a columna vertebral do reino da Galiza. A biografía de Afonso Soares de Deza deixa ver o cambio que se dá neses anos".

"A cidade de Compostela posuía un enorme poder que comezara a formarse nos tempos da inventio da suposta tumba do Apóstolo", aclara Andrade Cernadas, "e o seu control supuña, en certo modo, o control do reino". 

Recuperar a historia do Reino da Galiza

En conxunto, Personaxes da Galiza Medieval II ofrece unha panorámica que permite recoñecer a capacidade de intervención na política penínsular que acadou o reino da Galiza, así como decatarse da relevancia do Reino da Galiza como unha realidade política potente cunha dinámica interna e unha proxección exterior que non se reflicte nos manuais de historia. 

O libro incide na especifidade da dinámica política dese espazo a través dunhas figuras que, como apunta Rodríguez. "de existiren hoxe unhas condicións de normalidade política a Galiza, serían obxecto de coñecemento público masivo, de estudos académicos demorados e mesmo de homenaxe popular".

Do século XI ao XIV a través de oito figuras do reino

O volume Personaxes da Galiza Medieval II contén estudos dedicados á emperatriz Sancha, a cargo do investigador Manuel Carriedo Tejedo; a Fernando Peres de Trava e Vermudo Peres de Trava, do século XII, a cargo do profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo, que tamén se encarga de Fernando Ruis de Castro, do século XIV; ao arcebispo Bernardo II, do século XIII, a cargo do profesor da Universidade de Santiago Xosé Manuel Sánchez; a Afonso Soares de Deza, de finais do século XIII e comezos do XIV, a cargo do profesor da Universidade de Santiago, Xosé Miguel Andrade Cernadas; e a Paio Gómez Chariño, do século XIII, e a Pedro Fernández de Castro, do século XIV, a cargo do investigador Héitor Picallo Fontes. A introdución corre a cargo do profesor e investigador Francisco Rodríguez Sánchez.

Trátase dunha escolma representativa do estado e da evolución do reino da Galiza entre os séculos XI e XIV da que o público lector pode tirar interesantes conclusións sobre cal era o grao de independencia do reino galego en cada un destes momentos históricos e sobre cal foi o papel da clase dirixente galega a través das estratexias e obxectivos que asumiron. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios