Fernando I e Sancha. Un período de progreso para o reino galego

Unha, a raíña, criada na parroquia de Piadela, en Betanzos, de nome Sancha (1018-1067) é segundo o Cronicón compostelán, “filla do rei Afonso, á cal pertencía o reino”. Outro, o rei consorte, un infante de Nafarroa e conde de Castela, Fernando I (1016-1065). Unha e outro asumiron o proxecto político do partido galego e levaron o reino cristián peninsular a un nivel de progreso e desenvolvemento moi importante. Os dous, continuadores do programa de Afonso V, ampliaron o Reino da Galiza cara ao sur, combateron con decisión as tentativas hexemonistas da nobreza castelá, impulsaron unha activa axenda lexislativa, promoveron de modo decidido a cultura e sentaron as bases para unha nova organización territorial do reino, que será recuperada no futuro polo seu neto Afonso VII O Emperador.
Fernando e Sancha nunha imaxe do 'Libro das horas'. (Foto: Biblioteca da Universidade de Compostela)
photo_camera Fernando e Sancha nunha imaxe do 'Libro das horas'. (Foto: Biblioteca da Universidade de Compostela)

O 22 de xuño de 1038 foron coroados na catedral de León Sancha I e Fernando I como reis da Galiza. A súa proclamación produciuse após a morte en combate na batalla de Tamarón (Burgos) o 30 de agosto de 1037 do monarca Vermudo III. Neste caso, a condición rexia e a lexitimidade correspondeulle á raíña, conforme ao dereito galego, sancionado no Decreto do rei Afonso e da raíña Elvira, que fixou o dereito a herdar das mulleres. Sen ir máis lonxe, un dos piares da historiografía españolista, Claudio Sánchez de Albornoz, non dubidou en cualificar a Sancha como “a lexítima raíña de León”.

O historiador Francisco Rodríguez sinala que “o matrimonio de Sancha con Fernando, previo ao conflito co seu irmán Vermudo III e a morte deste en combate sen descendencia lexítima, converteuna en herdeira do reino e o seu esposo en rei, por ese motivo, da Galiza e León, co apoio de gran parte da clase dirixente interna”. Nesta mesma liña, Camilo Nogueira escribe que “Sancha foi a raíña ou emperatriz da Gallaecia”, significando Anselmo López Carreira que “só a voda con Sancha e a súa conseguinte instalación en León converten a Fernando en rei”. Nunha mesma dirección, fóra do ámbito galego, o investigador leonés Ricardo Chao, afirma “que Sancha era a raíña legal, compróbase en multitude de documentos”.

A morte de Vermudo III e a entronización de Fernando e Sancha non representou unha ruptura radical co período anterior. A este respecto, López Carreira explica que “a brusquidade con que remata o reinado de Vermudo III fomenta a crenza -non pouco interesada- nun salto histórico significativo nesa data, cando o certo é que non se acomete entón ningunha nova que non estivese xa iniciada e incluso os novos monarcas (Sancha e Fernando) despregaron unha estratexia tendente a desatascar a continuidade dinástica e política”. Neste sentido, destaca que “a sucesión non supuña interrupción dinástica ningunha, continuada na persoa da súa irmá”.

Uns monarcas galegos

Fernando e Sancha actuaron como monarcas galegos durante os 40 anos de reinado. Malia ter nacido o primeiro na corte de Nafarroa, como fillo do rei Sancho Garcés III e de Mumadona, e ocupar como primeira responsabilidade o condado de Castela, asumiu o programa do partido galego, no que foi educada a súa esposa, Sancha, filla dos monarcas Afonso V e Elvira Mendes, unha muller da casa dos Goterres, criada en Piadela (Betanzos) por Fronilde Gundemáriz, filla do antigo aio de Vermudo II, Sueiro Gundemáriz, curmá de Rodrigo Romáriz.

Resulta clarificadora a oposición que atopou o programa político de Fernando e Sancha na área castelá

Francisco Rodríguez define a Fernando I como “un rei de procedencia navarra, antes de conde de Castela, totalmente integrado e activo no reino da Galiza polo seu matrimonio con Sancha e por estar sustentado finalmente na parte máis poderosa da nobreza laica e eclesiástica galega”. Nesta liña, resulta clarificadora a oposición que atopou o programa político de Fernando e Sancha na área castelá e a súa firmeza na defensa dos intereses da Galiza nuclear.

O histórico litixio entre a nobreza da Galiza nuclear e a oligarquía castelá aliada coa navarra viviu un novo capítulo neste período. As aspiracións castelás de alterar a correlación de forzas no reino galego e atopar un novo status político, canda as demandas expansionistas de Nafarroa, decidida a conseguir a hexemonía no ámbito cristián peninsular, foron a antesala doutro choque bélico. Neste contexto, librouse en 1054 a batalla de Atapuerca (Burgos), onde as tropas galegas e leonesas lideradas por Fernando I derrotaron as forzas coligadas de Castela e Nafarroa, ficando morto no campo de batalla o irmán do rei galego e monarca do reino pirenaico, García Sánchez III.

Fernando e Sancha nunha miniatura do 'Corpus pelagianum'.
Fernando e Sancha nunha miniatura do 'Corpus pelagianum'. (Foto: Biblioteca Nacional de España)

López Carreira considera que “a batalla de Atapueca constitúe un momento crítico na opción de Fernando e Sancha a prol da continuidade galego-leonesa fronte á hexemonía navarra”. A este respecto, apunta que “o contencioso con Nafarroa, que eles herdaban na súa condición de reis da Galiza, resólvese polas armas, pese a que García de Nafarroa, a quen agora tocou morrer violentamente, era irmán de Fernando. Resolvíase así a disputa sobre a soberanía do condado de Castela”. Precisamente, neste enfrontamento formaron no exército galego moitos nobres partidarios de Vermudo III, que viron en Fernando e Sancha a expresión do vello proxecto do partido galego.

Fernando e Sancha despregaron unha intensa actividade lexislativa destinada a continuar o proceso de reformas comezado polo avó da raíña, Vermudo II, e polos seus pais, Afonso V e Elvira Mendes. Nesta liña, a maiores daquelas medidas dirixidas a mellorar o funcionamento da administración civil e fortalecer o poder rexio, destacaron as iniciativas dedicadas a promover mudanzas no ámbito relixioso, na liña das orientacións procedentes da abadía francesa de Cluny, con que asociaron a monarquía galega desde 1058.

Os concilios de Collanza e Compostela son a expresión máis evidente deste proceso

Os concilios de Collanza e Compostela son a expresión máis evidente deste proceso. O primeiro deles desenvolveuse en 1055 nese núcleo de Valencia de Don Juan (León), cuxa señoría correspondía a Sancha. Contou coa presenza de nove bispos, correspondéndolle a presidencia do mesmo aos monarcas e a dirección dos traballos ao bispo compostelán Cresconio. No mesmo, acordouse impulsar a regra dos bieitos para todos os mosteiros e adoptar como oficial o rito romano, no que se explicou como un achegamento da monarquía galega ao papado.

A Escola catedralicia de Compostela

Os concilios de Compostela de 1060 e 1063 representaron un forte impulso á promoción da educación e á consolidación do aparato lexislativo erguido por Afonso V e Elvira Mendes. Así, no primeiro dos encontros, acordouse estabelecer escolas en todos os mosteiros e en todas as parroquias diocesanas e canónicas da Galiza, na liña da escola catedralicia de Compostela, onde se formaron, entre outros, o rei García I ou o bispo de León, Paio. Pola súa parte, no segundo, aprobouse a obrigatoriedade de xulgar conforme as normas recollidas no Foro de León e fixouse unha serie de disposicións sobre a vida relixiosa, entre elas a prohibición de usar armas aos clérigos ou o xaxún da sexta feira.

O bispo compostelán Cresconio non foi só a peza chave nestes concilios, senón que destacou como un dos conselleiros de máis influencia dos monarcas. Segundo Camilo Nogueira, “Cresconio procedía posibelmente da familia de Mendo Gonzálvez [Goterres] e dos Trava”, acrecentando que “interveu desde Santiago nos asuntos de todo o reino; educou o futuro rei García por mandato da súa nai Sancha; participou na segunda toma de Coimbra no ano 1064; loitou contra os normandos...; amurallou Compostela, cun trazado que aínda define a cidade actual. Creconio chegou a ser excomungado por Roma no concilio de Reims de 1049, ante o temor ao poder de Compostela e o uso do título de bispo da sé apostólica”.

Tomou cara ao sur localidades como Viseu, Lamego ou Coimbra

O Reino da Galiza en tempos de Fernando e Sancha chegou desde o Atlántico até Castro Urdiales en Santander e desde o Cantábrico até o Mondego, incorporando as terras de Castela a Vella e do Alto Ebro. Neste sentido, tomou cara ao sur localidades como Viseu, Lamego ou Coimbra, na área galega portuguesa, Gormaz e Aguilera en Soria ou Berlanga en Badaxoz. Na mesma liña, converteu en tributarias da Galiza as taifas de Zaragoza, Toledo, Sevilla e Badaxoz, lanzando campañas militares contra Paterna ou Valencia, cuxa conquista significaría dividir en dous a España musulmá.

Os monarcas acometeron no seu testamento unha nova organización territorial do espazo cristián peninsular. Así, en 1063, deron conta da súa intención de dividir o reino entre os seus fillos, outorgando a Sancho Castela e a taifa de Zaragoza; a Afonso León e a taifa de Toledo e a García, Galiza, desde o Cantábrico até o Mondego, e as taifas de Sevilla e Badaxoz. A este respecto, Francisco Rodríguez sinala que o reinado de Sancha e Fernando “marca un fito na Gallaecia extensa, romana e sueva, conforme a concretarse en realidades políticas máis diferenciadas conforme a nomes máis particulares”.

Francisco Rodríguez entende que esta decisión responde á necesidade de “acomodar a estrutura política á realidade do poder desde unha perspectiva social, demográfica e territorial”. Nesta liña, aténdense as demandas “de clases dirixentes diferentes”, que durante os séculos anteriores mantéñense en permanente conflito, como fica claramente certificado ao longo do século X e nas primeiras décadas do século XI. Precisamente, Sancha e Fernando coñeceron de primeira man esta realidade, debendo enfrontar as rebeldías da nobreza castelá. Así as cousas, as novas realidades políticas responden “á extensión das clases dirixentes” e “ás ideas protonacionais presentes”.

A división do reino cristián en 1157 entre Castela por unha banda e Galiza e León por outra atende as reivindicacións das clases dirixentes galegas

O proxecto político de Fernando e Sancha foi recuperado no século seguinte polo seu neto Afonso VII. Neste caso, a historiografía coincide en que a división do reino cristián en 1157 entre Castela por unha banda e Galiza e León por outra atende as reivindicacións das clases dirixentes galegas. Nesa dirección, os investigadores responsabilizan a Fernán Pérez de Traba, persoa de confianza de Afonso VII e aio do seu fillo Fernando II, de ser un dos grandes promotores desta alternativa.

O programa político de Sancha

Sancha e Fernando destacáronse polo grande apoio á educación e á cultura. A este respecto, resultan paradigmáticos os pactos adoptados no concilio de Compostela de 1060, onde se acorda promover escolas en todos os mosteiros e en todas as parroquias diocesanas e canónicas da Galiza. Neste sentido, destaca a creación da Escola catedralicia de Compostela, fundada moito antes do Estudo xeral de Salamanca, promovido polo rei galego Afonso VIII e da Igrexa de Compostela, encargada de dotala de mestres e normas.

Gallecia e Spania no mapamundi do libro 'Etimoloxías de San Isidoro' de 1047, encargado por Sancha. (Foto: Nós Diario)
Gallecia e Spania no mapamundi do libro 'Etimoloxías de San Isidoro' de 1047, encargado por Sancha. (Foto: Nós Diario)

Camilo Nogueira lembra que “a escola de Santiago constituíuse como o primeiro estudo da península, unha institución capacitada para volverse en universidade como París e Boloña. Nela formáronse príncipes como García, chanceleres do reino e bispos como Paio, bispo de León, Diego Xelmírez ou máis adiante Pedro Suárez de Deza, bispo de Salamanca, arcebispo de Santiago e chanceler real con Fernando II. Sábese que a raíña Sancha fixo que o seu fillo García recibise a educación na Escola de Compostela a partir de 1053”.

Os monarcas promoveron importantes obras artísticas e literarias. Así, entre estas, destacan a edición do Comentario á Apocalipse de Beato de Liébana de 1047, as Etimoloxías de San Isidoro dese mesmo ano, o Libro de Horas de 1055 e o Libro de Cánticos de 1059. A este respecto, a profesora da Universidade Complutense de Madrid Sandra Saénz López-Pérez sinala que “segundo se desprende, sen restar importancia ao patrocinio artístico e literario de Fernando, a raíña Sancha distínguese máis que o seu esposo como promotora e propietaria de códices”.

O Libro de Horas, o máis antigo de todos canto se conservan na Galiza, ten una significación especial. O volume, custodiado pola Universidade de Santiago de Compostela, foi promovido en exclusiva pola raíña Sancha, como obsequio para o seu esposo ou para o mosteiro de San Martiño Pinario. Neste sentido, López Ferreiro dá por feito que a súa elaboración correspondeu á Escola de Compostela, sendo o escribá Pedro, que aparece nun gravado canda os monarcas, un destacado copista deste obradoiro.

O Iberus, actual Ebro, que aparece como fronteira divisoria entre “Gallecia”, denominación do reino cristián peninsular, e “Spania”, area ibérica gobernada polos musulmás

Sandra Saénz López-Pérez considera que os mapamundi recollidos na copia do Comentario á Apocalipse de Beato de Liébana e as Etimoloxías de San Isidoro recollen a visión mundo dos monarcas. Nesta dirección, destaca pola súa calidade artística a cartografía do libro Etimoloxías de San Isidoro, encargado por Sancha para a educación dos seus fillos. Neste sentido, alén do Nilo ou dos grandes ríos dos evanxeos, ocupa un lugar central o Iberus, actual Ebro, que aparece como fronteira divisoria entre “Gallecia”, denominación do reino cristián peninsular, e “Spania”, area ibérica gobernada polos musulmás.

O mapamundi non deixa dúbidas de que naquela altura “Gallecia” e “Spania” denominan realidades diferentes, e contrapostas, fixando con claridade que o Reino da Galiza ocupaba o lugar hexemónico en toda a área norte da península ibérica. Así, resérvase a denominación “Gallecia” para referirse á area peninsular de matriz cristiá, mantendo “Spania” para nomear os territorios de cultura musulmán, seguindo a tradicional diferenciación presente na práctica totalidade da cartografía e da documentación árabe e europea medieval.

A cartografía de Dona Sancha é a expresión do seu proxecto político, no que a Galiza exerce o papel reitor no contexto do espazo cristián ibérico. Nesta dirección, destaca no mapa a ausencia dalgunha referencia a Castela ou León, de xeito semellante ao que acontece coa totalidade das representacións cartográficas do momento, o que evidencia a primacía a Galiza.

Máis en Os Reis e as Raíñas
Comentarios