Estratexias teatrais para loitar contra os efectos da Covid na cultura

O sector das artes escénicas manterá un encontro profesional para analizar a súa realidade actual e o seu futuro no marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), de Carballo. As e os traballadores deste ámbito poden participar da sesión, que decorrerá o 14 de outubro, para achegar as súas reflexións sobre os cambios que implica a pandemia.
Unha representación da entidade nunha edición pasada do FIOT. (Foto: Escena Galega) #teatro #escenagalega #fiot
photo_camera Unha representación da entidade nunha edición pasada do FIOT. (Foto: Escena Galega)

Ademais de ser a capital galega do teatro até finais de mes, Carballo tamén vai ser sede de traballo a nivel profesional para as compañías do sector na Galiza. Non só subirán ás táboas para dar a coñecer as súas últimas montaxes, senón que terán tempo para compartir conversas sobre cara onde debe ir encamiñada a produción na era posterior á pandemia. Será da man da Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas, Escena Galega, que programou o encontro para esta quinta feira 14 de outubro.

Após ter que suspender a reunión para compartir ideas e reflexións e procurar puntos en común no ano 2020, Escena Galega retoma as conversas no seo do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Por iso, a sesión terá lugar no pazo da cultura deste municipio e a inscrición está aberta ás e aos profesionais das artes. 

A xornada bautizada "Retos do sector escénico profesional galego" dividirase en dúas sesións, ás 9.15 e ás 18.30 horas, para analizar como continuar con este mercado laboral e creativo nun contexto de crise sanitaria, pero tamén das crises derivadas da Covid-19, é dicir, a social, a económica e a cultural.

En opinión de Escena Galega, esta última “supuxo o maior e máis rápido cambio nas dinámicas sectoriais e na relación cos públicos das últimas décadas”.

As e os profesionais terán tempo de debater sobre a realidade actual, após analizar os comportamentos das Administracións públicas e mesmo a situación na que se atopan distintas compañías. Consideran preciso continuar traballando nas “estratexias implementadas para o mantemento do sector”. 

Colaboración cos centros educativos

“En relación cos públicos as e os asistentes achegaranse tamén á necesidade de recuperar, potenciar e artellar, desde un punto de vista aglutinante e de colaboración entre o sector e o eido educativo, novos proxectos de artes escénicas que poñan en relación ás artes escénicas coa escola”, reflexionan as mesmas fontes a través dun comunicado. 

Máis aló das ligazóns co coronavirus, a entidade tamén ten previsto pór o foco no eido das danzas e das artes do movemento e de como reactivalas, non só desde o punto de vista creativo senón tamén formativo.

As persoas interesadas en acudir a este evento, promovido en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), deberán tramitar a reserva da súa praza até esta cuarta feira debido á capacidade aínda reducida.

Comentarios