'Sermos Galiza' redescobre Rosalía cunha edición especial

O 23 de febreiro fanse 186 anos desde o nacemento da escritora.
Tero Rodríguez caracterizada como Rosalía de Castro. (Foto: Os Quinquilláns)
photo_camera Tero Rodríguez caracterizada como Rosalía de Castro. (Foto: Os Quinquilláns)

O vindeiro 23 de febreiro fanse 186 anos do nacemento da poeta e escritora nacional galega, Rosalía de Castro. O semanario Sermos Galiza aproveita para publicar, só uns días antes, este sábado 18 de febreiro, unha edición especial dedicada á figura da poeta e que levará por título 'Coñecer Rosalía paso a paso'.

Este número especial comeza cunhas palabras do presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. —empresa editora de Nós Diario—, Xoán Costa, que lembra que "o propósito deste monográfico é lermos a obra de Rosalía á luz das análises desde a celebración do primeiro centenario da súa morte". Ademais, Costa engade que no Sermos deste sábado faise unha "pequena travesía pola Galiza a través da obra da escritora que asentou as bases da literatura contemporánea".

Este especial continúa cunha reportaxe da profesora Mercedes Espiño que fai un percorrido pormenorizado dos diferentes lugares e espazos de Santiago de Compostela relacionados coa vida da escritora.

O monográfico continúa cunha explicación e proposta dun roteiro promovido polos concellos de Rois, Dodro e mais Padrón, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Trátase dun percorrido que ten lugar á beira do río Sar, de dificultade moderada e que permite descubrir as fermosas paisaxes de Terras de Iria que inspiraron a escritora.

A historiadora da Arte Carmela Galego é a encargada de analizar para Sermos Galiza os catro anos que a poeta pasou na cidade da Coruña. "Son moitas as pegadas que fican na urbe para lembrar a escritora: desde o teatro principal, que leva o seu nome, aos seus versos no xardín de San Carlos ou ás vidreiras do pazo municipal", explica Galego na reportaxe.

Rosalía e Muxía

A visita que Rosalía fixo en setembro de 1853 a Muxía centra a seguinte reportaxe do semanario, que corre a cargo do antropólogo Manuel Vilar. Este explica que a estancia da escritora na localidade muxiá "deixou pegada na súa obra".

Finalmente, o profesor Antón Amil propón na súa reportaxe un roteiro co cal procura mostrar a "experiencia dunha visita didáctica aos mundos da nosa insigne escritora Rosalía de Castro". A reportaxe de Amil está estruturada, segundo indica, en dous apartados: por un lado "posíbeis lugares a visitar" e por outro "unha experiencia real con alumnado de 3º da ESO".

Comentarios