'Escenas do Cambio' celebra os seus 10 anos con 13 propostas

O festival terá lugar na Cidade da Cultura.
Kirenia Martínez, á dereita, nova directora de Escenas do Cambio.
photo_camera Kirenia Martínez, á dereita, nova directora de Escenas do Cambio.

O festival de danza, teatro e arte 'Escenas do Cambio' alcanza neste 2024 o seu décimo aniversario, efeméride que conmemorará cunha programación moi especial entre os días 3 e 5 de maio na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Dirixido pola bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez, o certame ofrecerá ao público 13 propostas de vangarda -seis delas estreas mundiais- que "desafiarán, nos seus procesos e resultados, os límites da creación artística", segundo destacaron desde a organización.

O programa de 'Escenas do cambio' propón oito obras que interveñen diferentes lugares dentro e fóra do Gaiás para convertelos "en moito máis que un escenario". Entre elas destaca, no Xardín do Teatro e o conxunto escultórico Espellos, de Manolo Paz, no Bosque da Galiza, o reencontro entre o bailarín Andrés Corchero e o xaponés Oguri, que renovan o seu proxecto de creación continua My neighbor sky. 

Xa de portas para adentro, o Museo transmutará nun calidoscopio no cal os músicos de Gallaecia Ensemble Barroco compartirán co público a primeira interpretación sobre instrumentos históricos da partitura In C, de Terry Riley, pioneiro da composición minimalista.

Este espazo será, ademais, o lugar da estrea absoluta de Dual, a creación de danza e son coa que Álvaro Murillo e Artomático exploran as posibilidades do movemento creativo para previr o envellecemento motor e cerebral.

A maiores, tamén haberá instalacións performativas, como Corpo que se fai imaxe, do portugués António Gonçalves, ou SED, de Raquel Ponce.

Comentarios