Escenas do Cambio muda de dirección

Kirenia Martínez, a nova directora, sucede a Lola Correa no posto 
Kirenia Martínez, á dereita, nova directora de Escenas do Cambio.
photo_camera Kirenia Martínez, á dereita, nova directora de Escenas do Cambio.

A Consellaría de Cultura fixo público onte, nun comunicado dirixido aos medios a súa decisión de designar á coreógrafa e mediadora cultural Kirenia Martínez (Cuba, 1980) como nova directora artística de Escenas do Cambio (EdC), o festival de teatro, danza e arte en acción que ten lugar na Cidade da Cultura e que o próximo ano celebrará a súa décima edición.

Kirenia Martínez é bailarina, coreógrafa e mediadora cultural e conta cunha extensa traxectoria en varios países. Ademais do desenvolvemento das súas compañías na Galiza, segue colaborando en varios proxectos de investigación coreográfica, literaria e audiovisual.

 

Relevos e críticas

"A tamén bailarina e fundadora de Kirenia Danza substitúe a Lola Correa, a quen a Consellería de Cultura agradece o seu importante labor á fronte de Escenas do Cambio", reza a nota da Consellaría, que continúa explicando que "ao longo das súas tres edicións como directora artística -tomando o relevo de Pablo Fidalgo, primeiro director de Escenas do Cambio-, Correa apostou pola escena contemporánea galega, por fomentar a creación coa estrea de pezas producidas ad hoc para o festival e pola comprensión da arquitectura do Gaiás, con propostas itinerantes deseñadas pensando en aproveitar todas as posibilidades dos singulares espazos da Cidade da Cultura". 

O certo é que Fidalgo lograra a participación de artistas de prestixio internacional durante a súa etapa como director do festival - Gisèle Vienne, Tino Sehgal, Ligia Lewis, Mohamed El Khatib, ou Xavier Le Roy, entre outros moitos-  que baixo a súa dirección logrou facerse cun nome propio no circuíto europeo. A súa partida significou unha rebaixa considerábel tanto na duración do encontro -que pasou de alongarse durante dúas semanas a só catro días de duración- como no relevo dos participantes. A Xunta nunca fixo público o orzamento do festival, mais a rebaixa na dotación económica dábase por asegurada entre a profesión. 

 Durante o período no que Pablo Fidalgo foi director de Escenas do cambio, houbo críticas dalgúns colectivos do sector escénico polo feito de que a dirección do evento non estivese sometida a concurso público. Tanto Correa como agora Kirenia Martínez foron designadas sen pasar por este trámite.

 

Comentarios