A escena do Camiño ponse en marcha

Camiño Escena Norte comeza o proceso para pór en marcha a súa sexta edición. A iniciativa escénica, que une dramaturxias da Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi e Nafarroa, porá en marcha un programa de acompañamento e consultoría para as compañías, e reforza ademais o sistema de selección de propostas. 
'Sexpiertos', da compañía vasca Tanttaka Teatroa, no FIOT de Carballo na súa última edición. (Foto: Vanessa Rábade)
photo_camera 'Sexpiertos', da compañía vasca Tanttaka Teatroa, no FIOT de Carballo na súa última edición. (Foto: Vanessa Rábade)

Camiño Escena Norte (CEN) é o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que se celebra, de forma paralela, entre a Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi e Nafarroa. Promovido polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galiza), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Nafarroa), o encontro comeza xa unha nova edición, a sexta, na que seguirá cubrindo a necesidade de intercambio entre as artes escénicas de territorios limítrofes que permanecían case totalmente alleos á produción dos seus veciños. Ese desexo de coñecer mellor outras dramaturxias, así como a necesidade de abrir mercados para as compañías de teatro destes territorios, inspirou unha proposta, que pouco a pouco vai dando pasos para mellorar a súa proxección e ampliando o se radio de alcance. Nafarroa, por exemplo, incorporouse na edición de 2022, e Portugal está no punto de mira dos organizadores desde o inicio do proxecto. 

Camiño Escena Norte foi medrando cada ano desde a súa primeira edición para crear diferentes sinerxías con outras entidades que ampliaron, pouco a pouco, a proxección do proxecto e contribuíron a darlles visibilidade aos espectáculos seleccionados para a súa exhibición en cada unha das edicións. 

Itinerario Constelación é o programa máis antigo e o que ocupa a parte central do proxecto. A través del, diferentes compañías de cada territorio xiran polas sedes veciñas. 

O ano pasado, por exemplo, inaugurábase Vieiros, unha iniciativa que une CEN con proxectos culturais de cada comunidade, co obxectivo de dar forza e contexto ao Camiño Escena Norte, ademais de visualizar fóra do territorio os proxectos locais. Así, comezouse a traballar co Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT (Galiza); Danza Xixón (Asturias); o programa Mujeres y Cultura (Cantabria); Bideart Zigoitia (Euskadi), e Ribera en Danza (Nafarroa). 

O programa Cruzamentos, por outra parte, crea unha rede de estancias de intercambio profesional entre artistas dos diferentes territorios.
Igualmente, o programa  Habitación Peregrina PRO defínese como un espazo de convivencia profesional para que as compañías entren en contacto, coñezan as súas respectivas liñas de traballo e propostas estéticas, afonden na realidade dos distintos circuítos de programación de cada lugar, exploren vías de coprodución e accedan a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.  
ESDADs en Camiño é un proxecto de colaboración e intercambio profesional e educativo coas escolas superiores de Arte Dramático de Galiza, Asturias e Euskadi (Dantzerti). 

En tres das funcións do Itinerario Constelacións, o alumnado dos centros participantes entrará en contacto coas compañías profesionais en xira en encontros, accións compartidas, visitas ou obradoiros, para tender pontes entre o campo educativo e a acción escénica profesional.

 

Novidades previstas na edición de 2024 

De cara á nova edición, unha das principais novidades, alén da ampliación da súa duración, será a introdución de melloras no sistema de selección de pezas para o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte así como para o programa de exhibición Itinerario Constelacións. Este ano reforzarase o sistema de selección ampliando o número de persoas expertas profesionais do sector en cada un dos cinco territorios. 

Así, cada unha das comisións territoriais pasará de ter de tres a cinco membros, sendo a selección levada a cabo por un total de 30 expertos e expertas que traballarán de maneira colexiada. 

Desde 2023 o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte é unha ferramenta moi útil para profesionais da programación das comunidades do proxecto e do resto do Estado. Esta marca de calidade serve de promoción e apoio á distribución dos mesmos fose do ámbito do proxecto. 

Este ano, ademais, iniciarase un programa de consultoría e acompañamento profesional que reforzará a actividade profesional de Camiño Escena Norte, apoiando a actividade das compañías no ámbito da distribución, as sinerxías entre territorios e o coñecemento sobre o funcionamento do sector escénico profesional en cada unha das cinco comunidades de Camiño Escena Norte. 

Esta nova oficina funcionará de maneira permanente como entidade independente de apoio ás compañías e proxectos, dando continuidade ao longo de todo o ano aos obxectivos do proxecto, alén das datas da súa programación oficial. 

 

Comentarios