Enreguéifate entrega os galardóns da súa sétima edición: estas foron as gañadoras

As gañadoras e gañadores, alumnado de diversos centros escolares galegos, persoal técnico dos servizos de normalización e unha representación política dos cinco concellos impulsores participaron na gala.

Foto de familia na gala de Enreguéifate 2024.
photo_camera Foto de familia na gala de Enreguéifate 2024.

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu esta cuarta feira a entrega de premios da sétima edición do certame Enreguéifate, o proxecto desenvolvido polos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo para impulsar a difusión da improvisación oral en verso (regueifa). Os alcaldes de Ames, Blas García, de Santiago, Goretti Sanmartín, e de Teo, Lucía Calvo, asistiron á gala do Enreguéifate para participar na entrega de premios. Os vídeos gañadores poden verse na web do certame ou na canle de Youtube. 

As gañadoras e gañadores foron os grandes protagonistas da mañá. Na categoría xeral, fixéronse co galardón á regueifa máis brava a “Cumbia do choque”, do Arrieiro e Chaminho (Malpica e A Coruña); a máis aguda foi para “Vai de voda”, da Escola de regueifa de Carballo; a máis diversa, para os Teiseiros regueifeiros, de Vigo, coa súa “Regueifa pola saúde mental”; o galardón á regueifa mellor cantada, para o Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio, pola súa regueifa “Sempre vida”; a mellor falada, para As da muiñeira, de Coristanco, con “Os deberes”; e a máis reivindicativa, para os teenses Iván e Aroa, pola súa “Regueifa de coidar a terriña”.

Na categoría escolar, a proposta que o xurado seleccionou como a máis brava foi “Queremos moito as nosas profes” do grupo Os máis bravos, do CEIP de Bormoio Agualada (Coristanco). A máis aguda foi para Regueifeirxs da Chá, do IES Basanta de Vilalba, polo seu vídeo “Regueifando apréndese mellor”; a máis diversa correu a cargo dos rapaces de 2º B do CEIP compostelán Quiroga Palacios, co título “O noso Entroido”; a máis reivindicativa foi a do alumnado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro de Cabo de Cruz (Boiro), titulada “O granulado non é pasado”; a mellor cantada, para “A nosa música na nosa voz”, das Regueifeiras do Camballón do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces); e a mellor falada foi parar aos Regueifeiros de Razo, do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo), baixo o título “Regueifa en Razo”. Por último, o accésit á regueifa máis inclusiva foi para “Todo isto son mentiras”, de Noa e Martín (do IES Antonio Fraguas de Santiago). 

Acto de entrega de premios

Máis de 300 persoas asistiron á gala, conducida polo mestre, músico e regueifeiro Manolo Maseda; o profesor, escritor e regueifeiro Séchu Sende; e as formadoras do Enreguéifate Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces. Un acto no que non faltou a música, da man da Orquestra da Regueifa, formada por alumnado do IES do Milladoiro de Ames e do IES Antonio Fraguas de Compostela.

No acto de entrega participaron, ademais das persoas premiadas, alumnado de varios centros escolares galegos, as técnicas dos servizos de normalización lingüística e unha representación política dos Concellos impulsores da iniciativa, entre os cales o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística de Ames, Blas García; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, que participaron no acto de entrega dos galardóns. A entrega dos premios pon o ramo a esta edición do certame, na que se recibiron un total de 56 vídeos de toda a Galiza. 

Comentarios