Enreguéifate chega á súa sétima edición

Os concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo impulsan este proxecto de dinamización lingüística que se presentou esta sexta feira en rolda de prensa no Pazo de Raxoi.
Gómez, Sanmartín, Varela, Vázquez e Blanco, na presentación.
photo_camera Gómez, Sanmartín, Varela, Vázquez e Blanco, na presentación.

O Enreguéifate, proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, pon en marcha a sétima edición do seu certame de regueifas en vídeo.

Na presentación, na sexta feira, no Pazo de Raxoi en Santiago, participaron a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Contratación, Mocidade, Feiras e Mercados do Concello de Carballo, Ramón Varela Rodríguez; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez; a concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey; e Lupe Blanco, regueifeira e formadora do Enreguéifate.

Talento para a improvisación oral

A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, afirmou que "se trata dunha firme aposta pola colaboración entre administracións municipais co obxectivo conxunto de defender e promover a improvisación oral de xéneros galegos como a regueifa, para contribuír así á promoción e dinamización do uso da lingua galega". O lema elixido para esta sétima edición é 'Temos madeira regueifeira!'. Con esa idea, o Enreguéifate procurará sacar á luz o talento para a improvisación oral que existe no noso país.

En palabras da organización: Temos madeira regueifeira porque a regueifa circula desde as nosas raíces até o século XXI. A regueifa é de natureza patrimonial, o noso bosque autóctono da improvisación oral en verso. O prazo para participar no certame de regueifas en vídeo estará aberto até o 1 de marzo.

Comentarios